A Xunta garante o seu apoio a Bulgaria e a colaboración entre Galicia e o pobo búlgaro perante os novos desafíos para a Unión Europea

O vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, asistiron, xunto co embaixador de Bulgaria en España, Aleksey Elenkov, á inauguración do Consulado Honorario de Bulgaria en Galicia

Rueda advertiu da necesidade de afondar nos valores de solidariedade de Europa, “que son tamén os valores do Camiño de Santiago”, perante as ameazas do conflito bélico en Ucraína

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022.- A Xunta garante o apoio a Bulgaria e a colaboración entre Galicia e o pobo búlgaro perante os novos desafíos aos que se enfronta a Unión Europea, tal e como ratificou hoxe o vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, na inauguración do Consulado Honorario de Bulgaria en Galicia.

Alfonso Rueda agradeceu a presencia no acto do embaixador de Bulgaria en España, Aleksey Elenkov, e diante do cónsul honorario en Galicia, César Aja, advertiu da necesidade de afondar nos valores de solidariedade de Europa, “que son tamén os valores do Camiño de Santiago”, perante as ameazas do conflito bélico en Ucraína.

O vicepresidente primeiro en funcións, que asistiu xunto coa conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou que o pobo galego demostrou a súa solidariedade e hospitalidade co pobo ucraíno coa posta a disposición de 1.400 prazas para os refuxiados deste país, e subliñou que esa colaboración se facía extensiva ao pobo búlgaro e a todos os membros da Unión Europa vítimas do novo escenario xeopolítico, sobre todo, os que están máis próximos á fronteira con Rusia e os que están a sufrir as consecuencias da escalada bélica. Advertiu que “ningún país da Unión Europea permanece á marxe deste conflito” e animou a seguir na senda da colaboración porque “xuntos somos máis fortes”.

Rueda indicou que a colaboración de Galicia con Bulgaria quedara de manifesto co nomeamento o ano pasado de César Aja como cónsul honorario de Bulgaria na comunidade, e que agora se intensificaba coa apertura do Consulado Honorario de Bulgaria en Galicia. “Permitirá reforzar intereses que temos en común, tanto desde o punto de vista económico como cultural, así como abrir novas liñas de colaboración; pero sobre todo, permitirá poñernos a disposición do pobo húngaro nestes momentos tan difíciles para os seus cidadáns e, en xeral, para todos os cidadáns da unión Europea”.

Alfonso Rueda invitou ao embaixador de Bulgaria a participar do Xacobeo e animou aos seus compatriotas a visitar Galicia con motivo do Ano Santo, xa que “o Camiño de Santiago, como sempre ao longo da historia, está aberto a todos os peregrinos que precisen da nosa hospitalidade e do noso apoio”.

Imaxes relacionadas