A conselleira do Mar en funcións participou nun almorzo-coloquio do Galicia Market Place 2022 sobre os desafíos de futuro do sector marítimo-pesqueiro e a cadea mar-industria

Galicia defende unha futura Política Común de Pesca que aposte polo comercio pesqueiro xusto

A comunidade galega traballa na compilación das propostas de Galicia de cara á revisión da Política Pesqueira Común e na definición dunha estratexia para o desenvolvemento dunha economía azul sustentable co fin de afianzar un futuro adecuado ás circunstancias e demandas da súa cadea mar-industria

Rosa Quintana puxo de relevo a necesidade de apostar por unha descarbonización progresiva do sector, adecuando os barcos a novos combustibles que fagan viable a actividade e que sexan asumibles tanto en prezo coma en tecnoloxía

Vigo, 3 de maio de 2022

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo a necesidade de que a futura Política Común de Pesca aposte por un comercio pesqueiro xusto no que unicamente poderían participar aqueles que aceptasen o equilibrio e a igualdade nas regras de xogo. Así o expuxo no almorzo-coloquio sectorial O sector marítimo-pesqueiro e a cadea mar-industria na etapa postpandémica: retos e camiños de cara a un futuro competitivo, enmarcado na sexta edición do Galicia Market Place.

Alí tamén fixo fincapé en que é clave que a futura PPC atenda a outras cuestións fundamentais como a remuda xeracional, a sustentabilidade da actividade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global. Para iso, subliñou, a comunidade galega traballa de cara a revisión desta folla de ruta e elaborou un ditame coas súas propostas no seo do Consello Galego de Pesca e que agora está en fase de aportacións por parte dos grupos parlamentarios. Ademais, engadiu, mantivéronse contactos coa Bretaña francesa para acadar posicionamentos conxuntos con vistas a amplialos a outras rexións pesqueiras europeas.

Nesta liña subliñou que este labor é clave para afianzar un futuro adecuado ás circunstancias e demandas da súa cadea mar-industria e que para iso e, de xeito complementario, tamén é importante a definición dunha estratexia para o desenvolvemento dunha economía azul sustentable. Unha cuestión, sinalou, na que Galicia traballa, pois está deseñando unha estratexia neste eido centrada na base das actividades marítimo-pesqueiras tradicionais e tendo como elemento clave a compatibilidade con outras actividades e o equilibrio entre os aspectos ambientais, económicos e sociais.

Apoio a medio e longo prazo

En relación aos retos da cadea mar-industria, a titular de Mar en funcións salientou a necesidade de que as administracións desenvolvan medidas a medio e longo prazo ademais das artelladas a curto prazo para garantir a rendibilidade da frota ante desafíos como o encarecemento dos combustibles, as propostas de eliminación de bonificacións neste ámbito e a descarbonización deste sector para acadar unha maior eficiencia enerxética.

En canto aos apoios a longo prazo, a titular de Mar en funcións puxo de relevo a necesidade de traballar nunha descarbonización progresiva do sector, adecuando os barcos a novos combustibles que fagan viable a actividade e que sexan asumibles tanto en prezo coma en tecnoloxía.

No ámbito das medidas a medio prazo, Rosa Quintana defendeu liñas de apoio en materia de eficiencia enerxética que permitan racionalizar o uso do combustible e axustar o seu consumo. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva traballando neste ámbito desde hai anos impulsando o desenvolvemento de proxectos deste tipo na pesca, na acuicultura e na transformación. De feito, engadiu, entre o 2016 e o 2021 a Xunta apoiou 89 expedientes de axudas cunha inversión pública de máis de 9 millóns de euros que xeraron un gasto total de arredor de 20 millóns de euros.

Outro dos retos ao que fixo referencia Rosa Quintana son as distintas propostas da UE e da Organización Mundial de Comercio de eliminación de subsidios para os combustibles. Galicia rexeita a súa eliminación xeneralizada, xa que poría en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego e prexudicaría á frota galega, que practica unha pesca responsable e sustentable. Así o trasladou o Executivo galego a representantes de distintas institucións europeas e ao representante permanente da UE ante a OMC, Joao Aguiar.

Outro dos desafíos que sinalou a conselleira do Mar en funcións é a proposta da Comisión Europea de limitación do emprego de artes de fondo que ameaza a preto de 900 embarcacións de artes menores que facturan arredor de 120 millóns de euros. A proposta de regulamento de control que propón o uso de cámaras a bordo de buques e o brexit coas difíciles circunstancias que leva aparelladas, son outros retos que mencionou Rosa Quintana.

A titular de Mar en funcións tamén aproveitou a súa intervención para poñer en valor unha vez máis o compromiso do sector marítimo-pesqueiro coa sociedade e o seu esforzo ao subministrar de alimentos de calidade á cidadanía incluso en momentos nos que a actividade non é rendible.

Galicia Market Place

O Galicia Market Place é un evento organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia (CEG). A xornada de hoxe da sexta edición desta iniciativa estivo centrada na pesca, os recursos mariños, a alimentación e a gastronomía e incluíu mesas redondas e conferencias nas que participaron diferentes axentes relacionados coa cadea mar-industria, así como degustacións de produtos do mar.

Imaxes relacionadas