O edificio de 24 vivendas públicas da Xunta no Castiñeiriño, en Santiago, acada o 20% da execución

Na actualidade, estanse a realizar os traballos de cimentación do inmoble que acollerá vivendas de dous, tres e catro dormitorios

O Goberno galego destina máis de 4 millóns de euros á esta nova promoción de vivendas públicas, así como ás obra de urbanización

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022.- O edificio de 24 vivendas públicas da Xunta no barrio compostelá do Castiñeiriño acada o 20% da execución. Na actualidade, os traballos concéntranse na cimentación do edificio, polo que se se segue co ritmo previsto para que podan estar rematadas no verán de 2023.

 

As 24 vivendas que acollerá este inmoble, distribuiranse da seguinte maneira:

 

5 vivendas de 4 dormitorios. Todas adaptadas para o uso por persoas con mobilidade reducida

13 vivendas de 3 dormitorios. Unha delas adaptada para persoas con mobilidade reducida

6 vivendas de 2 dormitorios.
 

Todas disporán de praza de garaxe e dun rocho na planta soto do inmoble.

 

O inmoble contará cunha fachada formada por placas de seis milímetros de espesor sobre illamento de la mineral, con carpintería exterior de aluminio anodizado con rotura de ponte térmica. Os vidros con cámara, de baixa emisividade, e con contras exteriores nas fachadas leste e oeste.

 

Os pavimentos serán porcelánicos no interior das vivendas, que contarán con carpintería interior de entramado de madeira revestido con material (MDF) hidrófugo e acabado lacado en cor branco.

 

A auga quente sanitaria e a calefacción serán proporcionadas por bombas de calor xeotérmicas individuais. O sistema de calefacción será por chan radiante.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constrúe esta promoción de vivendas, ás que destinará un orzamento de 4,26 millóns de euros para os proxectos, obras e traballos de urbanización.

Imaxes relacionadas