A Xunta pon de relevo en Córdoba o traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán a prol da recuperación dos terreos afectados polo lume

A investigadora Cristina Fernández foi a encargada de presentar -no IV Taller de leccións aprendidas sobre os incendios forestais- os avances acadados na nosa comunidade para mitigar o risco de erosión

Organizado pola Sociedad Española de Ciencias Forestales e pola Universidade de Córdoba, no encontro participaron representantes das distintas autonomías e do Estado para intercambiar tanto experiencias técnicas como de investigación

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022

A Xunta vén de poñer de relevo o seu traballo a prol da recuperación dos terreos afectados polo lume no IV Taller de leccións aprendidas sobre os incendios forestais, celebrado en Córdoba. Alí, a investigadora Cristina Fernández destacou o labor desenvolvido polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para mitigar o risco de erosión en distintas zonas da nosa comunidade.

 

Esta iniciativa, que se vén celebrando cada catro anos dende 2010, serve para presentar e analizar distintas experiencias dos distintos axentes implicados na prevención e extinción de incendios forestais, tanto nas diferentes comunidades autónomas como no Estado. O obxectivo é intercambiar coñecementos técnicos e de investigación co gallo de mellorar o traballo desenvolvido nos respectivos territorios.

 

Este ano, a intervención do CIF de Lourizán consistiu en resumir a metodoloxía aplicada pola Xunta para mitigar o risco de erosión en diversas zonas afectadas polo lume en Galicia, dando a coñecer todos os resultados dispoñibles ata o momento que se atopan publicados tanto en revistas de impacto internacional como en guías e manuais de carácter máis técnico.

 

Nesa liña, cabe lembrar que o Goberno galego ten actuado para recuperar os terreos onde se rexistraron incendios co mulching ou co helimulching, en función de se os traballos se realizan en áreas accesibles a pé ou en zonas de forte pendente, onde é preciso o helicóptero. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) co obxecto de minimizar o risco de perdas de solo tras os lumes.

 

Cabe engadir que o IV Taller de leccións aprendidas sobre os incendios forestais foi organizado polo grupo de lumes forestais da Sociedad Española de Ciencias Forestales e pola Universidade de Córdoba.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural