O conselleiro do Medio Rural en funcións clausurou hoxe a presentación da XI edición das xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia

A Xunta equipara as rutas dos viños coa estratexia impulsada co sector que está a vincular a produción co territorio para a desestacionalización e consolidación do turismo galego

José González referiuse así á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que busca afianzarnos como referente de viños de calidade e como destino enoturístico, aproveitando o impulso do Xacobeo

Tamén aludiu á Lei de recuperación da terra agraria, que está a ser clave para aumentar a produción das distintas denominacións de orixe do viño galegas a través de figuras como os polígonos de viñedo

Así mesmo, lembrou que está aberto deica o vindeiro 11 de maio o prazo para inscribirse nas Catas Oficias de Viños e Augardentes de Galicia 2022
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, clausurou hoxe a presentación da XI edición das xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que se desenvolverán ao longo de cinco fins de semana, entre o 13 de maio e o 10 de xuño. Durante o acto, no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, González equiparou estas rutas coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados.

 

Así, o conselleiro sinalou que o viño debe servir de dinamizador das comarcas vitivinícolas, apostando por un valor engadido que incentive a súa promoción e comercialización a través dun prezo que beneficie dende o máis pequeno viticultor ata a máis grande adega. Deste xeito -dixo- poderemos acadar o obxectivo de afianzar Galicia como referente de viños de calidade, ademais de como principal destino enoturístico, aproveitando o impulso do Xacobeo 2021-2022 e de futuros Xacobeos, así como doutros eventos promocionais. Nesa liña -apuntou- o enoturismo supón un elemento clave na desestacionalización do turismo galego, ao tempo que permite dar a coñecer os nosos viños vinculados aos territorios nos cales se producen.

 

Na súa intervención, José González engadiu que temos que continuar impulsando a calidade que ampara moitas das producións alimentarias de Galicia e nomeadamente os viños galegos, a través da sección Galicia Calidade Alimentaria que contribuirá ao pulo que debe seguir representando un dos eidos máis estratéxicos e dinámicos do noso sector primario.  

 

No marco dese pulo imprescindible, o titular de Medio Rural en funcións tamén aludiu á Lei de recuperación da terra agraria que permitirá -destacou- ampliar a produción das denominacións de orixe do viño buscando os terreos máis idóneos para implementar aldeas modelo ou polígonos de viñedo, sempre da man dos consellos reguladores.

 

Por último, José González aproveitou a ocasión para trasladar que permanece aberto deica o próximo 11 de maio o prazo para inscribirse nas Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia 2022. Unha oportunidade -recalcou- para continuar apostando polo recoñecemento, pola promoción e pola identificación dos mellores viños, augardentes e licores galegos, elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas.

 

Xornadas de portas abertas

As xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños desenvolveranse dedicando unha fin de semana a cada unha das rutas, sendo a primeira a Ruta do Ribeiro (13 ao 15 de maio), posteriormente a das Rías Baixas (20 ao 22 de maio), a de Valdeorras (27 ao 29 de maio), Ribeira Sacra (3 ao 5 de xuño) e finalmente a de Monterrei (do 10 ao 12 de xuño).

Deste xeito, entre os meses de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción, se ben recoméndase confirmar a visita vía telefónica coa bodega correspondente por motivos de aforo. Ademais de menús en restaurantes e da posta en marcha do Bus do Viño para facilitar as visitas ás adegas, na páxina de Facebook de Turismo de Galicia realizaranse tres concursos por cada Ruta do Viño, nos que se sortearán noites de aloxamento para dúas persoas en cuarto dobre nun dos establecementos asociados participantes, máis o xantar do día seguinte nun restaurante socio da Ruta.

Imaxes relacionadas