Galicia sitúase como a terceira Comunidade Autónoma con mellores datos de listas de agarda para cirurxías

O tempo medio de agarda para intervencións cirúrxicas na comunidade galega sitúase en 77 días, só por debaixo de Madrid e o País Vasco que contan 73 e 71 xornadas, respectivamente

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o prazo de agarda para unha intervención cirúrxica en Galicia é 46 días inferior á media nacional
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

Galicia segue a traballar para dar resposta as demandas dos galegos e as galegas. Despois de priorizar durante a pandemia os procesos mais graves, os denominados prioridade 1, e nos procesos garantizados, ademais de facer un enorme esforzo no resto de procesos, os datos de todo o Estado publicados polo Ministerio de Sanidade confirman os resultados da xestión da lista de espera por parte do Servizo Galego de Saude

Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellores datos de lista de agarda para acceder a unha intervención cirúrxica en todo o sistema sanitario español, só por detrás da Comunidade de Madrid (73 días) e do País Vasco (71). Este dato é o reflexo do traballo durante todo o ano, de todos os profesionais dos equipos de quirófano, cirurxiáns, persoal de enfermaría e celadores, entre outros.

Segundo o último informe emitido polo Sistema de Información sobre Listas de Espera do Sistema Nacional de Saúde, con datos actualizados ao 31 de decembro de 2021, a comunidade galega contou cunha media de 77 días de agarda para operarse, situándose 46 días por debaixo da media nacional (123 días). Son seis días máis de espera que na comunidade autónoma que ocupa o primeiro lugar.

Nos anos previos á pandemia provocada polo coronavirus, Galicia tamén ocupaba esta posición no ranking de Tempo Medio de Espera cirúrxico. Xestionar, ao tempo, a pandemia e as listas de agarda supuxo un grande esforzo, polo que a Consellería de Sanidade agradece o traballo dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Neste senso, e atendendo á porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para unha intervención, Galicia tamén é o terceiro territorio nacional con mellores datos, co 8% dos pacientes, por detrás de País Vasco e de Castela-A Mancha. A media nacional ascende até o 20,3% dos casos.

Imaxes relacionadas