A Xunta formará en Boqueixón sobre mecanismos de reprodución de colmeas e mellora xenética de raíñas

A acción formativa celebrarase os sábados no lugar de Quián ata o mes de xullo e será impartido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude en horario de mañá

O obxectivo principal deste curso é dar pautas de manexo no inicio da campaña e facilitar aos apicultores mecanismos de reprodución das súas colmeas e coñecementos sobre unha mellora xenética de cría de raíñas

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza un curso sobre a apicultura, que se celebrará todos os sábados no lugar de Quián, en Boqueixón, deste o 7 de maio ao 2 de xullo, ambos incluídos. Será o persoal do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude o que imparta esta formación, que terá lugar en horario de mañá (de 10,00 h. a 14,00 horas) os sábados 7 e 21 de maio, o 4 e 18 de xuño e o 2 de xullo.

Neste senso, o obxectivo principal deste curso, que contará cunha duración de 20 horas, é facilitar aos apicultores coñecementos sobre mecanismos de reprodución das súas colmeas e dotalos de recursos técnicos suficientes que lles permita aumentar os seus colmenares e, polo tanto, mellorar as colleitas.

Tamén se pretende dar unha formación para realizar unha mellora xenética das raíñas, co fin de dar continuidade aos seus enxames e, mellorar así, a rendibilidade das explotacións apícolas. Por último, daranse pautas de manexo para un correcto inicio da campaña de posterior recollida de mel, tras a floración da primavera.  

Este curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Desta forma, a Agacal -a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022- pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331.

Imaxes relacionadas