Chega a Vigo a unidade móbil de información aos refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, presentaron hoxe esta oficina itinerante

Situada na Praza da Estrela, ofrecerá información, asesoramento e axuda nos trámites necesarios para as persoas refuxiadas, como a escolarización, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción laboral

Vigo, 2 de maio de 2022

A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta de Galicia, chegou este luns a Vigo logo iniciar o seu recorrido en A Coruña e Santiago. A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, foron os encargados de presentar esta oficina itinerante, posta en marcha coa colaboración de Cruz Vermella, que tras a súa estancia na cidade viaxará polo resto de urbes galegas e os concellos que acollen unha maior poboación de refuxiados procedentes de Ucraína.

Situada na Praza da Estrela, ofrecerá información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral. Servirá así de apoio e de acompañamento, tal e como coincidiron en destacar Fernández-Tapias e Parrado, para as persoas que chegaron a Galicia fuxindo da guerra que Rusia ten emprendido no seu país de orixe nos seus primeiros meses na nosa Comunidade.

Segundo indicaron, desde a unidade se facilita información sobre como obter a documentación sanitaria que lles permita acceder ao sistema público de saúde, como escolarizar aos seus fillos nun dos centros da Comunidade, como beneficiarse dunha das 1400 prazas de acollida que Galicia puxo a disposición do Goberno central e como acceder a cursos de formación en competencias lingüísticas para facilitar a súa inserción no mercado laboral.

 

Imaxes relacionadas