A Xunta convoca as axudas para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario a través de Fondos Next Generation

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan preto de 7,5 millóns de euros en axudas, coas que se prevé beneficiar unhas 250 explotacións

Estas achegas están financiadas con Fondos Next Generation, que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Os interesados teñen de prazo dous meses para presentar as solicitudes, a contar a partir de mañá

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, cun orzamento de 7,41 millóns de euros, cos que se prevé beneficiar unhas 250 explotacións. Esta orde de achegas está financiada con Fondos Next Generation, que deriva do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos (4.679.312 euros), na mellora de invernadoiros (136.468 euros), na eficiencia enerxética (724.673 euros) e na agricultura de precisión (1.871.536 euros), segundo os presupostos repartidos na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do pasado mes de outubro. Con estas achegas agárdase acadar, cando menos, avances significativos nalgúns ámbitos, como na mellora na xestión de xurros e na eficiencia enerxética das explotacións galegas. 

 

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas explotacións gandeiras relacionadas coa adaptación ou cubrición das balsas ou depósitos exteriores novos ou existentes que reduzan os gases de efecto invernadoiro (como as fosas de xurro). O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental. Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental.

 

Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. 

 

Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os beneficiarios poderán ser, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto.

 

Os interesados teñen de prazo dous meses para presentar as solicitudes, a contar a partir de mañá. Deberán realizala de forma telemática.

Imaxes relacionadas