A Xunta avanza na mellora de cortalumes e pistas forestais en varios montes do distrito I - Ferrol

Os traballos de prevención, que supoñen un investimento de 156.000 euros, localízanse en distintos montes de xestión pública dos concellos de Monfero, A Capela, Ortigueira, Cariño e Cedeira

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022

A Consellería do Medio Rural avanza na mellora e no acondicionamento de pistas forestais e cortalumes en montes de xestión pública situados no Distrito Forestal I – Ferrol, cuxo investimento ascende a 156.000 euros. Concretamente, estes traballos preventivos estanse a levar a cabo en montes dos concellos de Monfero, A Capela, Ortigueira, Cariño e Cedeira.

As obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Así, as actuacións que se están levando a cabo nestes montes consisten en traballos de roza mecanizada de matogueira en 50 hectáreas de superficie, ademais de limpeza de marxes de camiños noutras case 31 hectáreas. No tocante aos cortalumes, estanse a acondicionar os existentes en case 4 hectáreas de superficie e melloraranse máis de 12 quilómetros de pistas forestais.

Todas estas actuacións buscan facilitar o acceso a estes montes por parte do Servizo de prevención e defensa de incendios forestais, para así garantir a correcta circulación dos vehículos antiincendios. Ademais, tamén se busca interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela.

Imaxes relacionadas