A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial en Ferrol reuníronse esta semana cos traballadores ao servizo do parque e asociacións veciñais da zona

A Xunta recolle as achegas do tecido asociativo e do persoal do parque natural para enriquecer o futuro Plan reitor de uso e xestión da Fragas do Eume

Belén do Campo subliña a importancia do labor de divulgación que se fai desde o centro de interpretación de Caaveiro para garantir a protección dos valores desta zona

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechará en maio a rolda de contactos cos principais axentes públicos e privados con intereses no espazo natural
 

Pontedeume (A Coruña), 30 de abril de 2022

A Xunta de Galicia continúa coa súa rolda de contactos cos principais axentes, colectivos e entidades vencellados ao Parque Natural Fragas do Eume coa intención de implicalos e enriquecer o futuro Plan reitor de uso e xestión (PRUX), un instrumento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.

 

Esta semana foi a quenda do persoal que presta os seus servizos no parque e dalgunhas entidades do tecido asociativo da zona. En concreto, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuníronse no centro de interpretación de Caaveiro con 10 traballadores da Xunta que desempeñan o seu labor neste espazo —3 axentes facultativos ambientais do distrito I, 2 vixiantes de recursos naturais, 1 capataz de establecemento e 4 peóns forestais— e varias asociacións de veciños co fin de recoller as súas achegas ao documento e trasladarlles os pasos dados ata agora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Así, Do Campo subliñou o peso que ten para a economía local da comarca a actividade turística que se desenvolve ao redor das Fragas do Eume, un territorio que polas súas características resulta moi atractivo e ofrece ao visitante un amplo abano de opcións de ocio e lecer coas que coñecer e gozar da riqueza natural, cultural e paisaxística da zona.

 

Por iso, tanto a directora xeral como a delegada da Xunta coincidiron en que o instrumento reitor que se aprobe porá o foco na protección e conservación deste espazo natural, pero garantindo á vez que se manteña o seu aproveitamento socioeconómico. Neste sentido, Belén do Campo subliñou a importancia do labor divulgativo e informativo que realiza o persoal da Xunta tanto desde o centro de interpretación de Caaveiro como cando desenvolven a súa actividade sobre o terreo, dentro do propio parque.

 

Na mesma liña, lembrou que o chamado turismo verde en espazos que, como é o caso das Fragas do Eume, reúnen as condicións óptimas para a súa práctica, contribúen “á divulgación e posta en valor” dos espazos naturais da Comunidade, lembrando que “non se protexe nin se valora aquilo que non se coñece”, un obxectivo no que o persoal da Consellería despregado na zona así como a propia veciñanza xogarán un “papel clave”.

 
 

Así mesmo, a directora trasladoulles que no documento definitivo se concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupan as Fragas do Eume, especificando en cada unha das áreas os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista recreativo, agrogandeiro ou forestal, entre outros.

 

Proceso de diálogo e participación desde outubro

Cómpre lembrar que desde que no mes de outubro a Xunta abriu a rolda de contactos para avanzar na redacción do PRUX das Fragas do Eume, Belén do Campo xa se reuniu cos alcaldes dos cinco concellos do parque—Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes—, propietarios de terreos localizados no mesmo, empresas de turismo, asociacións deportivas e produtores, e coa única comunidade de montes existente na zona.

 

Paralelamente, a Consellería tamén mantén xuntanzas técnicas con outros departamentos autonómicos para integrar as súas consideracións no novo plan de xestión e trasladarlles as suxestións que foi recompilando do colectivos consultados. Neste sentido, a previsión que se manexa é que no mes de maio se dea por finalizada a rolda de contactos sobre o futuro PRUX.

 

Do Campo insistiu en que este proceso de participación previo é imprescindible para coñecer de primeira man as inquedanzas dos axentes que “viven, traballan ou dependen” das Fragas do Eume, un espazo protexido único e singular, o segundo parque natural máis extenso de Galicia, integrado na Rede Natura 2000 e que alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, ademais de ser o mellor conservado de Europa.

 

Neste sentido, o obxectivo da Xunta é aprobar este mesmo ano o PRUX das Fragas do Eume, un fito co que se verá culminado o esforzo normativo que comezou en 2019 para dotar dun instrumento propio de xestión a todos os parques naturais galegos.

Imaxes relacionadas