A Xunta invita aos concellos da Costa da Morte a coñecer os programas de axuda en materia de vivenda

Este é o cuarto encontro informativo ‘Construíndo Fogar’ que se celebra na provincia da Coruña e terá lugar o luns, 2 de maio, ás 10,30 h, no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños, coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ao encontro, aberto ao público en xeral, están convocados os concellos, empresas e entidades do sector dun total de 16 municipios

O obxectivo é informar das liñas de incentivos dispoñibles para facilitar o acceso a unha vivenda ou para a súa rehabilitación e presentarlles a nova Oficina de rehabilitación, un punto informativo para dar a coñecer os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia invita ao tecido social da Costa da Morte a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

 

Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 2 de maio, ás 10,30 horas, no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños, e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

 

Trátase do cuarto encontro que se celebra na provincia da Coruña e o oitavo na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

 

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

 

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

 

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

 

Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

 

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que por Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía discorre un dos itinerarios oficiais da ruta xacobea. Asemade, Corcubión é o único concello que conta con centro histórico declarado, polo que pode beneficiarse dos incentivos para a compra de inmobles neste ámbitos concretos.

 

Nova Oficina de rehabilitación

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

 

Así mesmo, o encontro da capital galega servirá presentar a Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha pola Xunta e que está chamada a ser un punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.

 

Esta oficina xa está en funcionamento e permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados teñen a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas