Entra en funcionamento a rede de subministro de gas natural do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra

O gasoduto que dota de gas natural ao actual edificio hospitalario e a 150 puntos do barrio de Monte Porreiro discorre polos terreos da ampliación, polo que foi necesario desprazar a rede para evitar cortes e non alterar o ritmo de construción

Desprazáronse dúas canalizacións, unha de alta presión, que se puxo en servizo o 20 de abril, e outra de media presión, en funcionamento o día 27

O desvío do gasoduto realizouse cunha obra singular, xa que as redes se instalaron baixo a zona sen edificar do novo complexo

A Xunta continúa avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo que nesta 1ª fase supón un investimento de máis de 130 M€

As instalacións constan dun edificio dianteiro para consultas externas, outro traseiro para urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios e un terceiro bloque que se corresponde coa zona de hospitalaización
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

A rede de subministro de gas natural do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, vén de entar en en funcionamento.

 

A execución e ampliación do Hospital Público Gran Montecelo segue avanzando ao ritmo previsto e vén de completar unha das principais actuacións sobre servizos afectados, que é a relativa ao gas natural.

 

A través dos terreos da ampliación discorre o gasoduto que dota de gas natural ao actual edificio hospitalario e a 150 puntos do barrio de Monte Porreiro, polo que foi necesario desprazar a rede co fin de evitar cortes e non alterar o ritmo de construción.

 

Para isto, foi necesario desprazar dúas canalizacións, unha de alta presión, que se puxo en servizo o 20 de abril, e outra de media presión, en funcionamento desde o día 27.

 

Os traballos de desvío do gasoduto consistiron en soterrar un tramo de 490 metros de tubaxe para a rede de alta presión e 500 metros para a rede de media presión. En total, despregouse case un quilómetro de novas redes de distribución.

 

A primeira tubaxe dota de subministro de gas natural ao actual edificio hospitalario e ao barrio de Monte Porreiro e a segunda dará servizo directo aos novos edificios do hospital e aos inmobles próximos.

 

O desprazamento do gasoduto realizouse mediante unha obra singular, xa que as dúas novas redes non se instalaron baixo unha vía pública, senón que se despregaron baixo a zona sen edificar do novo complexo.

Hospital Público Gran Montecelo

O Goberno galego continúa progresando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.

 

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

 

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

Imaxes relacionadas