Comezan os grupos de traballo para poñer en marcha as actuacións do Proxecto Stellae 5.0 para a xestión do patrimonio dixital vinculado ao Camiño

Dixitalización, desenvolvemento dunha infraestrutura TIC propia, creación de contidos culturais, formación e emprendemento, son os eixos do proxecto que abordaron os focus group ao longo desta semana

O Proxecto Stellae 5.0 forma parte do proceso de construción das Memoria Dixital de Galicia, que se alberga no Gaiás

Integrará á cidadanía e ás universidades na cadea de valor do patrimonio cultural e incluirá o lanzamento do primeiro Máster Interuniversitario e Internacional de Patrimonio Cultural Dixital e a creación dunha aceleradora empresarial neste eido

A estratexia Galicia Dixital 2030, no seu eixo “Cultura e turismo intelixente”, aposta por impulsar o uso das tecnoloxías dixitais para a dinamización do patrimonio e a produción cultural

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

O Edificio Fontán acolleu esta semana os focus group do Proxecto Stellae 5.0, os grupos de traballo cos que se poñen en marcha as cinco liñas de actuación desta iniciativa para impulsar a transición dixital dos recursos do patrimonio cultural vinculados ao Camiño de Santiago.

 

O Proxecto Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago, é unha iniciativa impulsado pola Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización para a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea.

 

Ao longo desta semana os focus group, integrados por máis de medio cento de profesionais de entidades públicas e privadas vinculadas as diferentes liñas do proxecto. iniciaron os traballos para desenvolver as cinco actuacións que contempla Stellae 5.0 a través da colaboración público-privada: dixitalización, infraestrutura TIC, creación de contidos culturais, formación e emprendemento–, orientadas todas elas á reactivación económica e aos obxectivos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno español.

 

Dixitalización

Unha das actuacións previstas do Proxecto Stellae 5.0 é a dixitalización tantos de recursos ou acervos patrimoniais vinculados ao Camiño de Santiago como a recuperación de contido xa dixitalizado. Para conseguilo contémplase tanto a creación de rexistros audiovisuais e sonoros en formato dixital, a transformación dixital de recursos patrimoniais de base física ou analóxica, o escaneado de acervos documentais, e a aplicacións de técnicas como a ludificación ou a realidade aumentada.

 

Infraestrutura TIC

Outra das liñas de actuación é a creación dunha infraestrutura TIC especializada que permita non soamente o almacenamento masivo de datos e información, senón a súa actualización e procesado, ou a monitoraxe e xeración de coñecemento a partir do tratamento dos mesmos. Trátase, en esencia, dunha infraestrutura dixital propia pensada para xerar valor social, cultural e económico a partir da transición dixital dos recursos patrimoniais vinculados ao Camiño de Santiago.

 

Creación de contidos culturais

A creación de contidos culturais dixitais especializados no ámbito do patrimonio cultural é outra das liñas do proxecto así como a transición dixital de contidos culturais físicos ou analóxicos. Estes contidos servirán de base para alimentar a infraestrutura dixital do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago Stellae 5.0.

 

Formación

No ámbito formativo Stellae 5.0 prevé, por unha banda o desenvolvemento do Máster en Patrimonio Cultural Dixital, unha formación de posgrao de carácter interuniversitario para alumnos procedentes de universidades españolas e latinoamericanas. E doutra banda, un programa divulgativo en educación obrigatoria, combinado cun programa formativo para a reciclaxe profesional de colectivos prioritarios nas políticas de emprego; estes últimos programas terían un carácter gratuíto, complementario e non regrado.

 

Emprendemento

A quinta liña de actuación enfócase ao emprendemento vinculado co Camiño de Santiago cun conxunto de actuacións asociadas de e apoio ao emprendemento asociadas á reciclaxe profesional e aos novos actores patrimoniais, cidadanía, asociacións basee, e/ou terceiro sector así como e a creación dunha aceleradora empresarial neste eido

 

O Proxecto Stellae 5.0 alíñase coas políticas europeas nacionais e autonómicas expresadas tanto pola Axenda Dixital Europea como na Estratexia Dixital Galicia 2030, esta última posta en marcha pola Xunta de Galicia para converter a nosa Comunidade como unha das rexións intelixentes europeas de referencia na dixitalización. Stellae 5.0 forma parte deste proceso de concentración da memoria cultural e transición dixital dos recursos do patrimonio cultural vinculados ao Camiño de Santiago 

 

Cultura intelixente

Potenciar unha Galicia máis aberta, accesible e interactiva a través do uso das tecnoloxías dixitais para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio e as produción cultural é un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, no seu eixo “Cultura e turismo intelixentes”.

 

Unha das iniciativas enmarcadas neste eixo é o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Culturas, co obxectivo de dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultura e potenciar o patrimonio para actividades de investigación. Esta iniciativa conta cun orzamento de máis de 9 millóns de euros.

 

Neste contexto, a Xunta tamén desenvolve proxectos como Galiciana, que consta xa de máis de 1,7 millón de páxinas e ao redor de 495.987 obxectos dixitalizados. “Galicia Nomeada” pola súa banda, difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 509.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá que ten rexistradas xa máis de 2.600 persoas usuarias que realizaron máis de 40.000 achegas.

 

No contexto da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, a Xunta desenvolve coa Universidade de Santiago o Proxecto Nós que permitirá a presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outros. O proxecto Nós implicará a mobilización de entre 13 e 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas