O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño expón o seu labor ao alumnado de Bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022.- A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, impartiu esta semana unha charla no IES Félix Muriel de Rianxo na que lle explicou aos alumnos de Bacharelato do centro o importante labor que desenvolve o organismo dependente da Consellería do Mar para o control do medio mariño. A responsable do Intecmar lembrou na súa exposición que os profesionais do centro adoitan facer arredor de 90.000 análises ao ano de distintos tipos co obxectivo de garantir o cumprimento das normas relativas a aspectos como a seguridade alimentaria e a sanidade animal dos moluscos bivalvos.

Esta conferencia enmárcase no proxecto Mytilus, promovido pola Asociación Mexilloeira Rianxeira ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa, para difundir entre o alumnado de Bacharelato do IES Félix Muriel as condicións nas que se produce o cultivo de mexillón en Galicia así como todas as actividades que teñen relación con el. Covadonga Salgado explicou o traballo do Intecmar en materia de seguimento, control e investigación da calidade ambiental das augas costeiras de Galicia, un labor que incide en múltiples eidos como as condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, microbioloxía, patoloxía de moluscos, contaminación química, oceanografía operacional e loita contra a contaminación mariña accidental.

Imaxes relacionadas