O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración da 59ª Feira do Viño do Ribeiro

A Xunta aposta pola calidade, polas variedades autóctonas e pola sustentabilidade ambiental e patrimonial como claves para o futuro do viño galego

José González vinculou esta aposta coa Lei de recuperación da terra agraria e puxo en valor tamén a súa contribución á dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, recollida na Estratexia sectorial promovida pola Xunta

No acto tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou a antigüidade e a calidade acadada pola oferta enoturística desta denominación de orixe
 

Ribadavia (Ourense), 29 de abril de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración da 59ª Feira do Viño do Ribeiro.

 

Alí, o conselleiro puxo en valor catro aspectos fundamentais que distinguen esta denominación de orixe e que fixo extensivos a todo o sector vitivinícola galego, como claves para o seu futuro. Así, estas catro referencias serían a aposta polas variedades autóctonas, pola recuperación de zonas históricas de viñedo, pola rehabilitación e posta en valor da arquitectura vinculada ao mundo do viño e, de xeito destacado, pola calidade.

 

En relación co primeiro fundamento -a aposta polas variedades autóctonas-, José González gabou o labor “visionario” de figuras como Arsenio Paz, pregoeiro desta edición. Así, salientou que este e outros persoeiros “entenderon, alá polos anos 80 e 90 do pasado século, que a recuperación destas castes era o camiño polo que tiña que seguir O Ribeiro”. E destacou a Treixadura como variedade que “lidera” esta aposta.

 

Sobre a recuperación de zonas históricas de viñedo, o titular de Medio Rural vinculouna coa aposta que “tamén sostén hoxe a Xunta” a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste sentido, mencionou os polígonos agroforestais e resumiu que, no conxunto destas actuacións no Ribeiro, “imos ter arredor de 300 ou 400 hectáreas”. Algo que se fará, engadiu, cun enfoque sostible e cun respecto escrupuloso aos socalcos históricos, aos camiños antigos e, en definitiva, a zonas tradicionais dos vales do Avia, do Miño e do Arnoia.

 

Con respecto á arquitectura, o conselleiro relacionou a recuperación de elementos históricos con outra ferramenta da devandita Lei de recuperación da terra, as aldeas modelo. Puxo como exemplos as tres nas que se está a traballar nesta denominación de orixe, como son as de Penedo (Boborás), Osmo (Cenlle) e Muimenta (Carballeda de Avia). Nesta liña, González fixo especial fincapé na recuperación arquitectónica da parte urbana destes núcleos a través de plans de dinamización que se implementarán con criterios de sustentabilidade ambiental, de eficiencia enerxética e de conectividade dixital.

 

Por último, José González fixo referencia á aposta pola calidade como elemento clave non só para o Ribeiro, senón para todos os viños galegos. Unha aposta que -dixo- “ten que vir acompañada de valor engadido para converter o viño no elemento central para a dinamización do territorio das comarcas vitivinícolas”. Ese valor, engadiu, debe chegar a todos os elos da cadea produtiva, “non só ás adegas senón tamén, por suposto, aos viticultores”, para garantir a remuda xeracional no sector. Precisamente este concepto vai na liña do que persegue a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta xunto coa Fundación Juana de Vega e en colaboración con todo o sector.

 

Turismo

Pola súa parte, a directora de Turismo, Nava Castro, achegouse tamén á inauguración para apoiar o regreso desta festa en todo o seu esplendor, despois de dous anos de pandemia que limitou a celebración deste tipo de feiras. Así, destacou a antigüidade e a calidade acadada pola oferta enoturística do Ribeiro, “que contribúe de xeito notable na consolidación de Galicia como destino enoturístico de referencia, xunto ás propostas das outras catro denominacións de orixe do noso territorio”.

 

Nava Castro puxo en valor a enogastronomía como piar da estratexia turística de Galicia, ao tempo que destacou a aposta que o Goberno galego leva facendo por este sector, que contribúe a construír un modelo turístico de maior calidade, sostible, desestacionalizador e con gran poder de xeración de tecido socioeconómico nas áreas rurais. 

 

Feira do Viño do Ribeiro

A Feira do Viño do Ribeiro chega á súa edición número 59 recuperando o formato habitual que se viña desenvolvendo na alameda de Ribadavia. No evento, que se celebrará deica este domingo 1 de maio, contarán con caseta propia un total de 20 adegas e 14 colleiteiros desta denominación de orixe. No marco da exaltación e degustación dos viños do Ribeiro, haberá catas populares e -como novidade- tamén comentadas, ademais de visitas guiadas, gastronomía, actuacións musicais e a tradicional entrega de premios. Cabe sinalar que a DO Ribeiro se define por empregar variedades autóctonas tradicionais (Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao, Sousón) que dotan os viños dunha gran personalidade e dunha serie de combinacións de aromas afroitados e florais.

Imaxes relacionadas