A Xunta impulsa a futura Lei da calidade alimentaria para poñer en valor e salvagardar a excelencia e o prestixio dos produtos agroalimentarios galegos

José González sinalou que o obxectivo fundamental desta nova lei será que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva

O conselleiro explicou aos empresarios a importancia do rol da sociedade Impulsa Galicia no desenvolvemento de proxectos que optan aos fondos Next Generation
 

Vigo, 29 de abril de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a Xunta impulsa a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia para poñer en valor e salvagardar a excelencia e o prestixio dos produtos agroalimentarios da nosa comunidade. Fíxoo no contexto do evento Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Vigo e no que visitou os diferentes expositores de produtos galegos de calidade certificada, nunha mostra coordinada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

Ademais, o titular de Medio Rural -que estivo acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos- sinalou que o obxectivo fundamental desta nova lei será que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. A maiores, engadiu, tamén se buscará recoñecer que todos estes produtos pasaron rigorosos controis de calidade e que estiveron sometidos a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

 

Proxecto estratéxico

Tras percorrer esta exposición, José González interveu no xantar-coloquio sectorial “Os mercados do futuro de Galicia”. Nel, destacou o importante rol da sociedade Impulsa Galicia e explicou aos empresarios o proxecto estratéxico de recuperación integral e sustentable do rural galego que promove a Xunta no marco desta sociedade público-privada, que opta aos fondos Next Generation. A obtención de fondos é crucial para afrontar o reto demográfico, revitalizar a economía e impulsar a transición ecolóxica en Galicia, remarcou. Na súa intervención, o conselleiro debullou as características e vantaxes deste proxecto, que se apoia na Lei de recuperación da terra agraria e que se estrutura en dous piares estratéxicos, como son os instrumentos para a posta en produción de 18.000 hectáreas de terreo abandonadas ou en desuso e a revitalización de 200 aldeas modelo, coa rehabilitación dunhas 2.000 edificacións con diferentes orientacións ou usos.

 

Nesta liña, González explicou que a iniciativa enmárcase no Pacto Verde Europeo -e nas súas tres premisas de rastrexabilidade, circularidade e sustentabilidade-, así como nas estratexias comunitarias da granxa á mesa e de biodiversidade. Así, indicou que, neste marco, Galicia debe desenvolver un proxecto que promova a recuperación e explotación do terreo rural aproveitando as súas extraordinarias condicións edafolóxicas, climáticas e agronómicas. Todo isto, engadiu, no contexto creado a partires das devanditas iniciativas da UE e da pandemia pola Covid-19 e contando con novos modelos de negocio adaptados á economía verde e á transición ecolóxica.

 

Neste sentido, o conselleiro sinalou que se trata de afrontar o reto demográfico e de revitalizar a economía, ao tempo que se promove a sustentabilidade. Así, no primeiro caso contémplase a creación de 6.800 novos empregos en Galicia e a incorporación de 9.000 habitantes novos na rede de aldeas intelixentes, tendo en conta a rehabilitación de infraestruturas e o efecto inducido sobre o resto de vivendas dos núcleos. No segundo eido o impacto ambiental estimado concrétase en evitar entre 152.000 e 332.000 emisións de CO², como consecuencia da redución dos incendios forestais e do consumo enerxético resultado da rehabilitación de infraestruturas.

 

Factores clave de éxito

Neste mesmo sentido, José González defendeu os factores clave que aseguran o éxito deste proxecto, como son a propia Lei de recuperación, a gran resiliencia dos investimentos realizados, as vantaxes que ofrece a xestión público-privada, a rigorosa definición e posta en marcha do calendario da iniciativa e o seu alto aliñamento coas políticas da UE e do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Así, advertiu o conselleiro, o proxecto ten un gran encaixe con dous dos catro eixos transversais deste Plan, como son o de cohesión social e territorial e o de transición ecolóxica.

 

Por último, González trasladou que, para asegurar a creación de valor, xa se está iniciando un piloto integral na área ourensá de Monterrei para, posteriormente, expandir a iniciativa a outras zonas de Galicia. Neste piloto contémplase a posta en marcha de polígonos agroforestais para a recuperación de 3.000 hectáreas de terra e o desenvolvemento de catro aldeas modelo. Salientou que xa se escolleron os catro modelos de negocio destas aldeas, que estarán centrados no enoturismo, a economía prateada, as vivendas preto dos polígonos e as segundas residencias.

Imaxes relacionadas