A Xunta conclúe o trámite ambiental do plan parcial de Teo para impulsar o novo polígono da Ramallosa

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

A Xunta de Galicia acaba de finalizar o trámite ambiental do plan parcial do SUND-12 de Teo, un instrumento co que se pretende desenvolver un pequeno polígono dentro deste ámbito, localizado no núcleo da Ramallosa e cunha superficie duns 115.000 metros cadrados.

 

Así, o informe ambiental estratéxico da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático conclúe que non se agardan efectos ambientais adversos significativos da proposta de ordenación formulada polo Concello, polo que resolve non sometelo ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria.

 

Deste xeito, poderase seguir adiante coa tramitación do referido plan, que pretende responder á demanda existente no municipio deste tipo de solo, destinado a albergar usos tanto industriais como comerciais.

 

En concreto, o ámbito no que se quere desenvolver o polígono —tamén coñecido como área mixta terciaria-industrial de Portoameneiro— emprázase ao norte da Ramallosa, no centro-leste do municipio, e está atravesado pola estrada autonómica AC-841.

 

En todo caso, o informe ambiental establece unha serie de determinacións que deberán ser tidas en conta. Así, o plan terá que incorporar un estudo da paisaxe urbana, haberá que revisar as especies previstas para o acondicionamento de zonas verdes, e deberanse atender as observacións da Axencia Galega de Infraestruturas para adaptar os accesos previstos desde a AC-841 ao Regulamento de estradas de Galicia e incorporar ao plan limitacións que derivan do ruído xerado polo tráfico rodado, entre outras cuestións.

 

Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental do plan parcial do SUND-12 de Teo, unha decisión que sairá publicada proximamente no DOG e tamén se lle trasladará ao Concello.

Imaxes relacionadas