O Diario Oficial de Galicia publica o acordo para que os concellos, as deputacións, as universidades e as entidades do sector público poidan aplicar o real decreto lei estatal de revisión de prezos nas obras
O acordo, que produce efectos desde hoxe, ten como fin facilitar a viabilidade dos investimentos públicos en marcha na comunidade nun contexto de incremento extraordinario de prezos dos materiais da construción e de crise enerxética
Trátase de ampliar o ámbito de aplicación do Real Decreto Lei aprobado en marzo polo Goberno central ás obras públicas das administracións na comunidade galega
Esta iniciativa permite aplicar a normativa estatal mentres se procura o acordo no conflito de competencias aberto polo Goberno de España polas medidas adoptadas xa hai meses para blindar as obras públicas de titularidade autonómica
A Xunta considera que a normativa estatal é insuficiente para facer fronte á problemática, polo breve horizonte temporal que fixa, por incluír só a revisión de prezos en 4 materiais e por excluír os contratos de servizos e os custos enerxéticos
A exclusión de materiais como o plástico, o vidro, a madeira, produtos químicos ou cerámicos pon en risco a execución de obras hidráulicas, a conservación de estradas ou as obras de rehabilitación edificatoria
A Xunta xa se dirixiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solicitar que amplíe o alcance da normativa estatal
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo para que os concellos, as deputacións provinciais, as universidades e todas as entidades do sector público galego poidan aplicar o Real Decreto Lei aprobado o pasado 1 de marzo polo Goberno de España de revisión de prezos nas obras.
Este acordo produce efectos desde hoxe, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa ao acordo: https://cutt.ly/VGRdurL
A iniciativa ten como fin facilitar a viabilidade das obras públicas da comunidade e minimizar a afección nos investimentos públicos do incremento extraordinario dos prezos dos materiais de construción e da crise enerxética.
O Real Decreto Lei estatal recolle que a súa aplicación “poderá alcanzar o ámbito das comunidades e das entidades locais mediante unha decisión individualizada do órgano competente de cada comunidade autónoma”. Así, a Xunta aprobou onte formalmente este acordo que habilita a todas as administracións e entidades do sector público da comunidade a poder revisar os prezos sen trámites intermedios posteriores.
No relativo ás obras impulsadas pola Xunta, esta decisión permite aplicar a normativa estatal mentres se procura o acordo no conflito de competencias aberto polo Goberno de España polas medidas adoptadas xa hai meses para blindar as obras públicas de titularidade autonómica.
O Goberno galego considera que a normativa estatal é insuficiente en canto ao horizonte temporal para a revisión de prezos que fixa, ao incluír unicamente nesa revisión 4 materiais, excluír os custos enerxéticos e o non ter en conta os contratos de servizos.
Deste xeito, a exclusión de materiais como o plástico, o vidro, a madeira, os produtos químicos ou cerámicos pon en risco a execución de infraestruturas hidráulicas, os contratos de conservación de estradas ou as obras de rehabilitación edificatoria.
A este respecto, a Xunta xa se dirixiu ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solicitar a ampliación do alcance do Real Decreto Lei estatal, para que amplíe os materiais nel recollidos.
O Executivo autonómico pide que se permita que cada administración destine os seus propios recursos a garantir a viabilidade das súas obras co obxectivo de que non se paralicen as actuacións nin se despida a traballadores pola escalada de prezos.
A Xunta, en contacto co sector da construción, elaborou unha lista con 40 materiais afectados pola escalada de custos e estableceu un período temporal amplo para fixar unhas condicións excepcionais baixo as que permitir un reequilibrio das obras de responsabilidade autonómica, esenciais para a recuperación da economía e para a preservación do emprego.
A disposición adicional autonómica articulouse con pleno respecto ao reparto competencial e sen inxerencia algunha na competencia básica estatal en materia de contratos, como demostra o propio contido disposición adicional.