A Xunta apoia á Fundación Nosa Terra na homenaxe aos galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou durante o evento, no que estivo presente o presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, que é “unha honra” que o país centroamericano conte cun memorial que recorde o labor daqueles 8.000 galegos engadindo que esta iniciativa “é unha cuestión de xustiza”

Panamá, 29 de abril de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu na noite de onte, á cea de gala organizada pola Fundación Nosa Terra e que tivo como obxectivo apoiar a execución dun monumento en homenaxe aos galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá a comezos do século XX.

 

O evento celebrouse na Sociedad Española de Beneficiencia, e na mesma estiveron presentes tamén o presidente do país, Laurentino Cortizo, o ministro de Obras Públicas de Panamá, Rafael Sabonge, a ministra de Cultura, Giselle González, o embaixador de España, Francisco Javier Padalgay e o presidente de Nosa Terra, Ricardo Gago, promotora destacada do recoñecemento aos traballadores galegos.

 

A celebración contou ademais cun saúdo, a través dun vídeo, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que trasladou á Fundación e a sociedade panameña, o agradecemento de Galicia porque se estean a desenvolver este conxunto de accións de homenaxe aos galegos que colaboraron na execución da Canle de Panamá, entre os que se atopa a construción dun memorial a través do que se recorde a aqueles que contribuíron a executar unha das obras de infraestruturas máis importantes dos nosos tempos e que se converteu nun símbolo da unión entre os pobos polo ben común.

 

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración destacou que “esta é unha proba máis de universalidade do pobo galego e de que a humildade non impide a grandeza das persoas e das súas obras”, evidenciándose, unha vez máis que a pegada dos galegos está presente en moitos lugares do mundo, sendo particularmente evidente no continente americano.

 

Segundo engadiu Miranda, é “unha honra” que o país centroamericano conte cun memorial que recorde o labor daqueles 8.000 galegos que traballaron na execución da Canle, engadindo que esta iniciativa “é unha cuestión de xustiza”

 

A idea de construción deste memorial chegou da man da Fundación Nosa Terra en pleno confinamento pola Covid-19, resultado da recollida de datos sobre os galegos que participaron nesta obra que destacaron precisamente pola súa gran capacidade de traballo, tal e como quedou recollido nos escritos do enxeñeiro xefe, John Frank Stevens, quen asegurou que cada galego valía por tres dos seus compañeiros. Estes eran traballadores humildes, pero a súa obra é de singular grandeza.

Imaxes relacionadas