Galicia aposta en Bruxelas por unha transición ordenada no marco do debate 'Obxectivo 55'

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou esta semana na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) en Bruxelas

Cinco dos 14 ditames aprobados durante esta sesión recibiron emendas por parte de Galicia, especialmente os referidos ao paquete lexislativo "Obxectivo 55" para a redución das emisións de gases contaminantes en 2030

Bruxelas, 28 de abril de 2022

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana no segundo pleno do ano do Comité Europeo das Rexións, celebrado en Bruxelas. Galicia contribuíu a esta sesión coa introdución de máis de 30 emendas (aprobadas na súa maioría) a cinco dos 14 ditames adoptados, en especial a aqueles referidos ao Obxectivo 55, o paquete lexislativo que está a debate actualmente na UE para reducir as emisións de gases contaminantes nun 55 % para o ano 2030.

En relación coa reforma do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE e co novo mecanismo de axuste en fronteira das emisións de carbono, Galicia logrou introducir un punto novo no ditame no que se recalca a necesidade de mellorar os mecanismos de regulación e control para evitar movementos especulativos en torno ao prezo de CO2, dado que estes poden producir impactos considerables tanto nos prezos enerxéticos como nos propios sectores afectados.

Noutro ditame referido a como debería modificarse o uso da terra agrícola e forestal para aumentar a absorción de CO2, Galicia alertou sobre un posible aumento do custo das aseguradoras para as explotacións agrarias. No que se refire á revisión das normas da UE sobre axudas estatais á agricultura, as zonas rurais e a silvicultura, Galicia destacou o papel das explotacións forestais, xa que "contribúen a salvagarda e protección do territorio de igual maneira que as agrícolas, sendo especialmente as pequenas e medianas explotacións as que manteñen maior vinculación co territorio e contribúen así á loita contra o abandono."

Por último, 13 emendas galegas foron incorporadas á opinión das rexións e municipios europeos sobre as novas Misións da UE coas que se quere dar respostas a cinco grandes retos: a loita contra o cancro, a adaptación ao cambio climático, a protección dos mares e augas, a transformación das cidades para que sexan máis ecolóxicas e intelixentes e a restauración dos chans para garantir a seguridade alimentaria. Galicia reivindica unha implicación real das rexións nestas misións e a adecuada combinación do financiamento a todos os niveis (local, rexional, nacional, europea) para que resulten un éxito.

Cooperación cos alcaldes ucraínos

O pleno comezou o mércores coa conexión en directo con Ucraína, na que os alcaldes de Kiev, Leópolis, Mariúpol, Melitopol e Járkov explicaron a situación actual das súas cidades e expresaron a súa petición de apoio á UE en materia de axuda humanitaria e reconstrución. Os comisarios europeos Elisa Ferreira e Janez Lenarcic, os membros do CDR explicaron como as súas rexións e municipios están a axudar aos refuxiados e os retos aos que se enfrontan. Uns 5,2 millóns de ucraínos fuxiron de Ucraína, segundo a ONU.

O CdR aprobou, ademais, unha resolución na que reclama a liberación inmediata dos alcaldes ucraínos secuestrados e solicita instrumentos Jesús adecuados para a acollida dos refuxiados ucraínos a nivel local. Destaca tamén a cooperación existente desde 2015 entre as autoridades locais ucraínas e o CDR a través do seu Grupo Operativo para Ucraína. "Esta cooperación facilitou as reformas levadas a cabo en Ucraína en materia de descentralización e desenvolvemento rexional nos últimos anos. Hoxe en día, esta forte democracia local é un elemento importante da resistencia ucraína contra os invasores rusos", destacou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Gamallo.

Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido

Durante o debate posterior co vicepresidente da Comisión Europea, Maroš Šefcovic, sobre a nova relación UE-Reino Unido, o director xeral interveu para destacar unha vez máis que o Acordo de Comercio e Cooperación, vixente desde 2021, non prevé un mecanismo formal para que as entidades rexionais e locais participen na súa execución, a pesar de ser as responsables, en moitos casos, de apoiar aos sectores económicos directamente impactados.

Na reunión da Mesa previa a este pleno celebrada o mércores, Jesús Gamallo foi designado membro do Grupo de Contacto entre o CdR e Reino Unido. Este foro asegura desde 2020 o diálogo político entre os gobernos subnacionais europeos e británicos.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da comunidade galega, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Imaxes relacionadas