A Xunta publicará en vindeiras semanas a primeira memoria anual do Plan de Transporte Público, que duplicou liñas, paradas e servizos e incrementou a demanda, o que proba a boa aceptación dos usuarios

O director xeral de Mobilidade referiu que, sen contar os escolares do transporte compartido, en 2019 se realizaron 20,5 millóns de viaxes, caendo en 2020 a 11,1 millóns pola covid e subindo en 2021 a 14,4 millóns

Salientou as cifras acadadas desde xaneiro de 2020 na utilización do transporte compartido, con 500.000 usuarios non escolares que empregaron esta modalidade

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

A Xunta publicará nas vindeiras semanas a primeira memoria anual do Plan de Transporte Público de Galicia, que duplicou liñas, paradas e servizos e supuxo un incremento da demanda, o que proba a boa aceptación por parte dos usuarios.

Así o avanzou hoxe o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde subliñou a aposta sen precedentes que está a realizar a Xunta polo transporte público, acadando un cambio profundo na mobilidade, con solucións novidosas á medida da sociedade galega, como o autobús compartido e os servizos baixo demanda.

A este respecto, referiu que, sen contar os escolares do transporte integrado, en 2019 se realizaron 20,5 millóns de viaxes, cifra que en 2020 caeu a 11,1 millóns e o ano pasado subiu a 14,4 millóns. No que vai de 2022, engadiu, a tendencia indica que pode chegar a recuperarse case totalmente a demanda prepandemia.

Ignacio Maestro tamén se referiu ás cifras acadadas desde xaneiro de 2020 na utilización do transporte compartido, con 500.000 usuarios non escolares.

Subliñou a planificación e o esforzo realizado na modernización completa do transporte público interurbano, con 127 concesións que non pararon un só día e que expandiron o autobús ata superar os 57 millóns de quilómetros de servizo o ano, que se efectúan a través de 3.470 liñas, con 53.000 paradas e 2,3 millóns de servizos ao ano.

Tamén citou o traballo da Xunta na renovación da flota de autobuses, que actualmente non supera os 7 años de media, fronte aos máis de 12 anos do parque do conxunto de España

Explicou que toda a información sobre a oferta do transporte interurbano está á disposición da cidadanía, centralizada nun único portal da Xunta, a web bus.gal, que se actualiza constantemente con cada axuste horario e mellora dos servizos. Unha fonte de información que, tal e como incidiu o director xeral de Mobilidade, vén gañando en importancia e xa tivo 1.420.000 visitas. Esta canle de información complétase co teléfono de atención ao usuario, que atendeu máis de 62.000 chamadas e 5.500 reservas de praza.

Exercicio de transparencia

O director xeral de Mobilidade destacou o exercicio de transparencia da Xunta coa publicación do  primeiro balance anual do Plan, onde non só se recollerá o curso 2020-2021, senón tamén a evolución desde o inicio do proceso de modernización do transporte público, en 2016. Así, a memoria recollerá todas as novidades do Plan de transporte público de Galicia referidas á prestación dos servizos e aos programas de modernización tecnolóxica. Tamén, dixo, as próximas actuacións, como será a posta en marcha efectiva da Área de Transporte de Galicia, prevista para este mesmo verán.

Tal e como precisou Ignacio Maestro, na memoria anual poderá comprobarse a mellora da oferta de servizos en toda a comunidade que, desde 2016 duplicou o número de liñas, de paradas e de servizos en cada unha das provincias.

A memoria tamén reflicte en cifras o aumento do uso do autobús e a súa aceptación por parte dos usuarios. Desde 2016, a demanda anual aumentou case un 70% ata o ano 2019, cando chegou a 23,2 millóns de viaxeiros.

Ignacio Maestro apuntou que no curso 2020-2021 pode verse unha progresiva recuperación da demanda tras o forte impacto derivado da covid-19. Nos 12 meses da memoria, o transporte interurbano sumou 20,8 millóns de viaxes.

Resaltou, en especial, a tarxeta Xente Nova, que no período da memoria anual xa superou a cifra total de viaxes do 2019.

Incidiu en que a Xente Nova bate récords: máis de 111.000 menores de 21 años contan con este dispositivo, que lles permite aforrar ás familias máis diñeiro ca nunca: 780.000 € no mes de marzo, cando se realizaron 373.000 viaxes gratuítas.

A memoria tamén todos os detalles do sistema tarifario do Plan de Transporte Público de Galicia, máis económico e uniforme, que se traduce en aforros de ata un 60% no prezo dos billetes e incorpora numerosas posibilidades de descontos.

Lei de Mobilidade Sostible do Goberno estatal

O director xeral de Mobilidade subliñou o traballo da Xunta a prol dun modelo de transporte máis eficiente desde o punto de vista ambiental, do que se realiza un seguimento continuo para garantir que a cidadanía dispoña de servizos de autobús eficaces.

Contrapuxo este modelo co recollido na Lei de Mobilidade Sostible e o mapa de concesións de autobús que está a impulsar o Goberno de España, extremadamente lesivo para o transporte rural e para territorios como Galicia.

Segundo detallou Ignacio Maestro, este anteproxecto de lei estatal, supedita a planificación de infraestruturas de transporte estatal á rendibilidade económica, centrando os investimentos nas zonas máis poboadas ou nos corredores de maior demanda, o que prexudica a territorios como a comunidade galega.

Tamén destacou que pretende suprimir o transporte de tren no rural, substituíndo a media distancia por servizos por estrada de titularidade autonómica, e  impide que as comunidades autónomas poidan beneficiarse do Fondo estatal para o sostemento da mobilidade, que se reserva ás entidades locais e deixa fóra o transporte metropolitano que prestan as autonomías, penalizando a eficacia, subliñou.

O director xeral de Mobilidade, fixo así fincapé nos grandes titulares do novo mapa concesional de servicios regulares de transporte por estrada do Estado, que supón a exclusión dos tráficos intracomunitarios e que as poboacións medianas queden sen conexión directa con España.

Neste sentido, sinalou que o Goberno de España prima as cidades ou capitais de provincia, pasando de 1.912 concellos con parada a 495, cunha poboación media de 15.000 habitantes a 51.000. Tamén, remarcou, establece nodos de intercambio para facilitar a integración de servizos, o que supón máis transbordos, contratos a risco e ventura.

Imaxes relacionadas