A Xunta aproba a primeira Lei de áreas empresariais de Galicia, unha norma pioneira a nivel estatal

Feijóo salienta que ten por obxectivo axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo para as empresas, así como garantir o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e o fomento da actividade económica na Comunidade

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, a aprobación da primeira Lei de áreas empresariais de Galicia. Unha nova norma, que será pioneira a nivel estatal, e que ten por obxectivo axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo para as empresas, así como garantir o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e o fomento da actividade económica na Comunidade.

 

Logo de recordar que unha vez aprobada no Consello da Xunta será remitida ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva, Feijóo salientou que esta é a primeira regulación específica que permite crear áreas estratéxicas para facilitar con maior rapidez a implantación empresarial sen prescindir de seguridade xurídica.

 

Ademais, o presidente da Xunta avanzou en primeiro termo algunhas das novidades que contempla a dita regulación no que aos instrumentos de ordenación das áreas empresariais se refire. Así, explicou que se manterá o Plan sectorial como marco para fixar a localización e se creará o Plan estruturante de solo empresarial que fixará os parámetros básicos da área como viais principais, espazos libres, zonas verdes ou equipamentos.

 

Con respecto ao Plan estruturante tamén indicou que este primeiro esquema permitirá ir adaptando a superficie segundo as necesidades de cada momento sen que, por exemplo, sexa precisa a tramitación urbanística cando se leve a cabo unha urbanización dun ámbito, co que se reducirá o prazo de aprobación a só 9 meses.

 

Por outra banda, e no que atinxe aos instrumentos de execución e desenvolvemento enunciou catro pasos: o proxecto de delimitación de fases de urbanización, o proxecto de desenvolvemento e urbanización ou o proxecto de urbanización, o proxecto de parcelamento, e os estudos de detalle.

 

Por último, concluíu relatando unha novidade máis no ámbito da conservación, xestión e modernización a creación de entidades de conservación, formadas por propietarios que velarán polo mantemento das infraestruturas e servizos do ámbito, así como da súa actualización e modernización constante. Aínda que puntualizou que será unha alternativa específica ao tratarse dunha competencia municipal.

 

Imaxes relacionadas