A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á primeira das actividades que se celebraron ao abeiro do programa Primavera Xove

Política Social impulsa a creatividade e a cultura urbana á mocidade no Espazo Xove de Ourense

Celébranse talleres de graffiti, hip-hop, breakdance, escritura creativa e acuarela; unha charla sobre saúde emocional; e un concerto de música urbana

Ademais das actividades nos espazos xove da Xunta de Galicia, o programa Primavera Xove tamén contempla estadías de Semana Santa e de fin de semana en albergues xu-venís e encontros formativos e de networking nos campus universitarios
 

Ourense, 28 de abril de 2022.-

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse esta mañá á feira do programa Primavera Xove, que se celebra no Espazo Xove de Ourense. Esta iniciativa, posta en marcha pola Xunta de Galicia, procura achegar á xuventude galega un completo calendario de lecer educativo seguro, así como divertido e formativo.

 

Durante toda a xornada de hoxe celébranse actividades centradas na mocidade. A primeira delas foi unha charla sobre saúde emocional impartida por Tactocontacto, á que asistiron alumnos do IES As Lagos. Pola tarde haberá obradoiros de graffiti, escritura creativa, hip-hop e breakdance. A xornada rematará cun concerto de música urbana.

 

Outras datas

Esta Feira de Primavera Xove terá tres datas máis. O día 29 celebrarase nos Espazos Xove de Vilagarcía de Arousa e Chantada; e o 6 de maio terá lugar en Tui a última destas feiras, que percorreu os 12 Espazos Xoves da Comunidade.

 

Cómpre recordar que Primavera Xove está conformada por tres formatos de acción diferentes que se desenvolverán durante dous meses e que están dirixidos a ofrecer alternativas de ocio a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A oferta desta nova edición distínguese entre as Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xoves dependentes da Xunta de Galicia; o programa de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís e os encontros formativos e de networking nos campus universitarios.