A Xunta concedeu 1.000 axudas de carácter económico a vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, referendou no Parlamento de Galicia, na presentación dos informes de violencia de xénero 2021, o compromiso da Xunta coa “tolerancia cero” ante calquera ataque ás mulleres

Os recursos de acollemento que dispensa a comunidade deron acubillo o ano pasado a 170 mulleres vítimas da violencia de xénero e a 110 menores

Máis de 120 vítimas foron contratadas grazas aos incentivos a entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro

A Xunta ofreceu formación e información preventiva da violencia de xénero a máis de 4.300 mulleres residentes en contornas rurais

López Abella segue a demandar do Goberno central unha moratoria dun ano para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que este ano remata o seu quinquenio
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, interveu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para dar conta do Informe anual de violencia de xénero 2021, así como dos anexos específicos sobre as prestacións periódicas que a Xunta concede ás vítimas da violencia de xénero e sobre as violencias sexuais. Para o Goberno galego, o nivel de tolerancia ante os ataques e actos de violencia que sofren as mulleres debe ser cero e non resultan admisibles retrocesos no que se refire á protección dos seus dereitos. Tal e como trasladou López Abella, a Xunta traballa por unha Galicia inclusiva, igualitaria, respectuosa, xusta e democrática.

A secretaria xeral recordou ao inicio da súa intervención á única vítima mortal de violencia de xénero asasinada na Coruña o pasado 16 de setembro e a todas as mulleres que sofren esta lacra. Lembrou que o ano pasado solicitáronse en Galicia 1.784 ordes de protección adoptadas polos xulgados, un 11% menos que o ano anterior, adoptándose o 66% das solicitadas. Ao igual que aconteceu no conxunto estatal (+7,99%), en Galicia subiron en 2021 as denuncias por violencia de xénero nun 2,98% ata acadar as 6.259.

A Xunta incidiu un ano máis no apoio económico ás vítimas co obxectivo de que “dean o primeiro paso ou poidan consolidar a ruptura cunha situación na que corren perigo”, indicou López Abella. En 2021 concedéronse cerca de 1.000 axudas de carácter económico: 612 de pago periódico, coas que estas mulleres perciben ata 800 euros mensuais e durante un período de 12 meses; 324 de pago único; e outras 13 axudas coas que se garante que as vítimas reciben as indemnizacións recoñecidas por sentencia xudicial.

Os recursos de acollemento, pola súa banda, deron acubillo a 280 persoas (170 mulleres e 110 menores), que accederon a vivendas tuteladas e centros de acollida, ao centro de emerxencia de Vigo, a vivendas de seguridade para vítimas de trata ou aos inmobles tutelados especializados en mulleres vítimas con enfermidade mental. O Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, ubicado en Santiago, atendeu 122 persoas, indicou López Abella.

Apoio psicolóxico

Galicia recoñece a asistencia psicolóxica gratuíta para mulleres, menores e/ou persoas dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. En 2021 beneficiáronse destes apoios, concertados co Colexio de Psicoloxía de Galicia, 1.169 persoas, delas 306 menores de idade e 64 con dependencia.

López Abella destacou o traballo que a Xunta exerce neste ámbito tamén “con homes que adoptan conductas inadecuadas coas súas parellas e desexan adquirir novos modos de comportamento exentos de agresividade” no que se actuou con 136 persoas; ou a terapia familiar con 36 menores que sufriron de maneira directa a violencia de xénero.

A Xunta tamén celebrou 800 sesións no marco do programa de intervención con mulleres vítimas de abuso e violencia sexual, desenvolvido pola Fundación Meniños no que participaron 83 mulleres.

Apoio laboral e formación

Que as mulleres vítimas poidan emprender o camiño para a súa independencia pasa pola necesidade de axudalas na súa inserción laboral. Desde 2019, a Consellería de Emprego e Igualdade convoca axudas para incentivar a súa contratación polas entidades locais. O ano pasado destináronse 1,4M€ a esta finalidade, o que permitiu a incorporación de 62 mulleres en 31 concellos. Tamén se apoia a promoción de programas de inserción laboral para vítimas por parta das entidades sen ánimo de lucro, nos que o ano pasado se acadaron 60 contratacións.

Entre outras iniciativas, a secretaria xeral destacou as campañas de sensibilización e prevención contra a violencia de xénero desenvolvidas no medio rural. Así, a Consellería de Emprego e Igualdade colaborou cos Grupos de Desenvolvemento Rural para achegar formación a máis de 4.300 mulleres.

Tamén subliñou a valoración positiva das persoas que participaron nos 70 obradoiros sobre violencia dixital nos que se alertou sobre a violencia nas redes e a ciberviolencia de xénero no contexto da internet; ou as actuacións de prevención de situacións de violencia e defensa persoal que se levaron a unha vintena de concellos.

Concienciar desde idades temperás é outro dos eixos polos que a Xunta está a apostar.   O ano pasado financiáronse actividades promovidas por 820 asociacións de nais e pais dos centros educativos, o que permitiu desenvolver máis de 500 accións de formación e difusión coas familias e cerca de 1.000 en contacto directo co alumnado.  

Pacto de Estado

A secretaria xeral da Igualdade insistiu, por outra banda,  na necesidade de que o Goberno central dea un ano de moratoria ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que este 2022 remata o seu quinquenio.  Aínda que na última conferencia sectorial o Ministerio de Igualdade se aveu a crear un grupo de traballo a proposta da Xunta, dixo, “non se atendeu á petición de Galicia de obter un ano de moratoria mentres non se asentan as bases do futuro Pacto”.

Para o Goberno galego, “o Pacto de Estado contra a violencia de xénero é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social”, remarcou.

López Abella, destacou en último termo, que Galicia segue na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos, ao permitir visibilizar novas desigualdades e avanzar para erradicalas. A nova Lei galega de Igualdade, que na actualidade está en tramitación, impulsará, entre outras medidas, a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual; ou recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración.

Imaxes relacionadas