O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou esta mañá en Sober o viveiro A Man de Prado e pola tarde fará o propio coa empresa Oviganic Ibérica en Monforte

A Xunta pon en valor a innovación implementada polo sector primario na comarca de Terra de Lemos como vía para encontrar novos nichos de mercado

José Luis Cabarcos entregou a mención especial outorgada ao viveiro A Man de Prado no II Foro de innovación produtiva do sector agrario, polo seu proxecto de elaboración sustentable de tepes que contou cunha axuda da Xunta de case 80.000 euros

Pola tarde, visitará Oviganic Ibérica S.L., coa que o Goberno galego vén colaborando para impulsar a produción de leite de ovella ou de cabra e a súa transformación en territorio galego, en liña co recollido na Estratexia de dinamización do sector lácteo
 

Sober (Lugo), 28 de abril de 2022.-

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou esta mañá o viveiro de produción de plantas ornamentais A Man de Prado, para facerlle entrega do diploma acreditativo da mención especial que recibiu no II Foro de innovación produtiva do sector agrario organizado pola Xunta e celebrado en Santiago de Compostela o pasado día 10 de febreiro.

 

En concreto, a iniciativa premiada -que contou cunha subvención da Xunta de preto de 80.000 euros- estaba centrada na elaboración sustentable de tepes para tres usos distintos: cubertas verdes extensivas, taludes e xardíns tipo macizo de alto valor engadido.

En colaboración coa Fundación Juana de Vega, coa Universidade de Santiago (USC) e coas empresas Arborejardin e Orgánica de Sustratos (grupo Costiña), partiuse dun estudo de mercado para facer unha selección e avaliación de plantas adaptadas a diferentes usos e condicións ambientais -incluíndo as autóctonas- para logo avaliar o medio de cultivo e o soporte de enraizamento e, finalmente, testar o conxunto de plantas soporte.

 

O proxecto, que incluía un estudo final de custos no escalado da produción destes tepes en viveiro e do uso en xardinería, tamén perseguía avanzar na inclusión do formato tepe na norma de calidade de planta ornamental de Galicia, buscando o beneficio para o sector viveirístico da nosa comunidade. Nesa liña, búscase a redución das malas herbas e da necesidade de uso de fitosanitarios nas obras de xardinería, o uso de substratos de natureza renovable e sustentable no canto de turba, a redución da perda de solo en taludes revexetados, a mellora da eficiencia enerxética de edificios nos que se instalan cubertas axardinadas, entre outras cuestións.

 

Oviganic Ibérica

Pola tarde, José Luis Cabarcos visitará en Monforte de Lemos a empresa Oviganic Ibérica S.L., coa que a Consellería do Medio Rural asinou o ano pasado un convenio de colaboración para impulsar o sector ovino e cabrún en Galicia. En virtude dese acordo, o Goberno galego e a empresa lucense comprometéronse a traballar para incrementar o número deste tipo de explotacións na nosa comunidade e para asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización asociados, apostando pola transformación estable en Galicia.

 

Nesa liña, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria busca afondar na colaboración xa iniciada, para seguir dándolle un pulo á produción de leite de cabra ou de ovella e á súa transformación en territorio galego, en liña co recollido na Estratexia de dinamización do sector lácteo de aumentar o valor engadido do leite producido na comunidade.

 

Cabe engadir que Oviganic Ibérica produce queixo amparado pola denominación de orixe protexida Queixo Tetilla, a través da fábrica de Queserías Prado adquirida en 2021 xunto coa sociedade gandeira compostelá Leite Noso.

Imaxes relacionadas