A delegada territorial da Xunta efectuou esta mañá unha visita institucional ao porto ferrolán

Martina Aneiros asegura que a obra do albergue da Casa do Mar comezará en canto o Concello de Ferrol conceda a licenza

A representante do goberno da Xunta mantivo un encontro de traballo co presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea

O proxecto do albergue de peregrinos é un dos compromisos da Xunta incluídos no Pacto de Estado por Ferrol

Ferrol, 28 de abril de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá unha visita institucional ao porto onde se reuniu co presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea. O encontro enmárcase dentro da rolda de contactos institucionais que Aneiros está realizando desde a súa chegada á delegación do goberno autonómico en Ferrol.

 

Aneiros e Barea aproveitaron a visita para manter un encontro de traballo no que repasaron algúns asuntos importantes para a cidade. A representante da Xunta puxo en coñecemento do presidente do porto a situación actual do proxecto do albergue que o Executivo autonómico proxecta habilitar na antiga Hospedería da Casa do Mar, un dos compromisos da Xunta incluídos no Pacto de Estado por Ferrol.

 

A delegada territorial avanzou que as obras poderán comezar en canto o Concello de Ferrol conceda a licenza -a Xunta solicitouna a principios deste ano-. Este proxecto de reforma afectará ao último andar do edificio e suporá un investimento da Xunta preto de 500.000 euros.

 

A delegada espera que o Concello de Ferrol non se demore moito na tramitación desta licenza para que o novo albergue, situado nun dos puntos de saída de Camiño Inglés, poida estar terminado este ano. “O albergue permitirá mellorar a acollida dos peregrinos na nosa cidade”, sinalou a delegada.

 

Durante o encontro, o presidente da Autoridade Portuaria tamén lle trasladou a Aneiros o estado das obras do tren ao porto exterior.

Imaxes relacionadas