A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á actividade sobre innovación no mundo dixital que tivo lugar en Vigo

A Xunta pon en marcha ‘Encontros e networking nos campus universitarios’ no marco de Primavera Xove

Profesionais de diferentes eidos como a comunicación, o medio ambiente ou a educación emocional imparten este mércores charlas á mocidade na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo

Vigo, 27 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia organiza, un mércores máis, os Encontros e Networking nos campus universitarios ao abeiro do programa Primavera Xove. Esta actividade, á que asistiu esta tarde a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, busca ofrecer espazos seguros e informais para que as mozas e mozos poidan desenvolverse persoal e profesionalmente impulsando a convivencia e a rede de contactos.

 

Esta tarde celebráronse catro actividades no marco desta iniciativa: na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus da Auga de Ourense púxose en marcha unha charla centrada na educación emocional; na Sala Social da Sede Fundación Once da Coruña falouse de medio ambiente e sostibilidade; na Praza do Seminario de Estudos Galegos de Santiago de Compostela a actividade xirou arredor do talento mozo; e na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo a innovación no mundo dixital centrou a conferencia, realizada pola influencer e emprendedora Natalia Maquieira (@pasoapasoblog) e a estudante e técnico de ciberseguridade en dooingIT, Helena Castro.

 

A través desta iniciativa gratuíta, a Xunta de Galicia busca ofrecer alternativas de ocio formativo e responsable que poidan ser complementarias ao currículo académico das mozas e mozos. Tamén ten como obxectivo traballar habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

 

Estas xornadas, que se celebrarán tamén ao longo das primeiras semanas de maio, están dirixidas principalmente a universitarios, aínda que se pode inscribir a mocidade en xeral, de 18 a 30 anos. Pódese obter máis información sobre o programa nesta ligazón.

Imaxes relacionadas