A Xunta amplía ata o 13 de maio o prazo de presentación da solicitude única das axudas da PAC

O período para solicitar estas achegas remataba inicialmente o pasado 30 de abril  

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará en breve a orde correspondente da Consellería do Medio Rural, que permitirá aos interesados dispoñer de dúas semanas máis para realizar os trámites

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A Xunta ampliará ata o vindeiro día 13 de maio o prazo de presentación da solicitude única das axudas da PAC, que remataba inicialmente o día 30 de abril. O Diario Oficial de Galicia publicará proximamente a orde correspondente da Consellería do Medio Rural, co que se darán aos interesados dúas semanas máis para realizar os trámites.

 

O DOG publicaba o pasado día 31 de xaneiro deste ano 2022 a orde de convocatoria dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da Política Agrícola Común.

 

A súa dotación para esta campaña é de arredor de 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos e os restantes 40 millóns coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), cun aumento de cinco millóns de euros nestas últimas con respecto á anterior convocatoria.

Neste caso prevese que uns 25.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Así, grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural