O traballo conxunto da Xunta e as universidades sitúa a Galicia á vangarda europea na análise sobre o marco ético e normativo para a intelixencia artificial

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuniuse hoxe cos sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar no estudo sobre o potencial impacto da adopción da Intelixencia Artificial

A directora da Axencia, Mar Pereira, destacou que este estudo ten que ser a guía para o deseño das actuacións da Xunta para garantir a adopción dunha IA ética e fiable

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- O traballo conxunto da Xunta e das tres universidades galegas para analizar o impacto das tecnoloxías intelixentes na cidadanía e no tecido empresarial, así como para identificar os marcos éticos e normativos axeitados para garantir os dereitos das persoas, consolidan a Galicia nunha posición de vangarda na aplicación da intelixencia artificial.

 

Representantes de Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuníronse hoxe en Santiago cos responsables de sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar na elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”. Este traballo é o resultado do convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro pola Xunta e os reitores das tres universidades galegas.

 

Ao inicio da sesión, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou que “o obxectivo deste estudio é o de ser a guía para o deseño das actuacións que a Xunta de Galicia debe poñer en marcha para garantir a adopción dunha IA ética e fiable”.

 

Este convenio forma parte do desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Nesta liña, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea acadaron a pasada semana consenso sobre a Lei de Servizos Dixitais para garantir os dereitos da cidadanía no entorno das tecnoloxías da información e a comunicación.

 

Así mesmo, Galicia, a Comunidade Valenciana e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.

 

Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

O desenvolvemento deste convenio, único entre as Comunidades Autónomas españolas, está aliñado co ofrecemento de Galicia para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Axencia Artificial. Trátase dun organismo de nova creación anunciado polo Estado para este ano no contexto de descentralización de novos entes públicos.

 

A Axencia estará adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dentro do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Encargarase de crear medidas para protexer á cidadanía dos posibles riscos que se deriven desta tecnoloxía, tanto no que se refire á súa seguridade física como a dos dereitos fundamentais. Para elo, este órgano terá capacidade para levar a cabo actuacións propias en coordinación con outras autoridades competentes o en apoio de entidades privadas.

 

Nodo galicIA

Ademais do desenvolvemento do marco ético e normativo, entre os obxectivos principais da EGIA está tamén a creación do nodo galicIA, como estrutura de colaboración público-privada promovida pola Xunta e conformada por todos os axentes con vontade de situar a esta Comunidade á vangarda das tecnoloxías intelixentes.

 

Na reunión de hoxe participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto aos coordinadores dos grupos de investigación das universidades.

 

A aportación da Universidade de Santiago de Compostela está centrada no ámbito do estudio do marco ético e normativo. Na sesión de traballo de hoxe participaron Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo, en representación do grupo de Empresa e Administración; Alberto Xose Bugarín, catedrático en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial , en representación do grupo de Sistemas Intelixentes, e Luis Otero González, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, en representación do grupo de Valoración Financeira Aplicada.

 

A Universidade da Coruña centra a súa aportación no ámbito de estudo relativo á análise de estratexias e construción de indicadores. Na sesión de hoxe participaron María Isabel Novo Corti, catedrática de Análise Económica , en representación do grupo de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS); Xosé Andrés Faíña Medín, catedrático Emérito de Economía, en representación do grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento, e María Amparo Alonso Betanzos, catedrática en Ciencias da Computación , en representación do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA).

 

A Universidade de Vigo encárgase do ámbito de estudo relativo á aplicación de tecnoloxías intelixentes. Na reunión de traballo de hoxe participaron Santiago Lago Peñas, catedrático en Economía Aplicada e Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada, en representación da Rede de Investigación de Gobernanza e Economía.

Imaxes relacionadas