O director xeral de Defensa do Monte participou de forma telemática nun seminario dedicado a proxectos estratéxicos dentro do programa POCTEP 2014-2020

A Xunta avanza no protocolo de actuación conxunta para a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa

Manuel Rodríguez destacou a importancia de que haxa unha colaboración específica entre ambos países para reforzar a capacidade operativa dos medios de extinción e minimizar os danos que poidan ocasionar os incendios

Puxo en valor o proxecto Interlumes, que comprende a creación da primeira base de avións fronteiriza e reforza e mellora outras instalacións para a prevención e extinción de lumes

Santiago de Compostela, 27 de abril do 2022.- A Xunta está traballando no deseño e desenvolvemento dun Protocolo de actuación conxunta para a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa. Así o anunciou hoxe o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, na videoconferencia celebrada no marco do Seminario de proxectos estratéxicos POCTEP 2014-2020.

Neste senso, Manuel Rodríguez explicou aos asistentes que os lumes non entenden de fronteiras e de aí a importancia de que haxa unha colaboración específica entre ambos países para reforzar a capacidade operativa dos medios de extinción e minimizar os danos que poidan ocasionar os incendios. Así, trasladou que a Consellería do Medio Rural está elaborando -en conxunto coas autoridades portuguesas- un plan que abarca a identificación dos riscos existentes na zona de influencia (Galicia, norte de Portugal, Castela e León e Estremadura) e os medios para atallalos.

Deste xeito, o director xeral puxo en valor o proxecto Interlumes, que comprende a creación da primeira base de avións fronteiriza e reforza e mellora outras instalacións para a prevención e extinción de lumes. Así, aumentarase a capacidade operativa de resposta ao incrementar os medios dispoñibles, á vez que se aposta por un servizo cunha formación especializada para unha correcta xestión conxunta.

Durante a videoxornada, o director xeral debullou os principais obxectivos deste proxecto, que pasan -ademais de pola posta en marcha da base e pola elaboración do devandito protocolo- por reforzar e mellorar os medios materiais que os distintos socios do proxecto poidan empregar na extinción de incendios, así como por intensificar o uso de novas tecnoloxías TIC´s aplicadas á rede de vixilancia e seguridade forestal. Ademais, tamén se contemplará a posta en marcha de actividades de sensibilización da poboación da área nesta materia, xa que “todos estamos involucrados na prevención de incendios forestais”, puntualizou Manuel Rodríguez.

Neste senso, o director xeral tamén compartiu a experiencia vivida durante os incendios de 2017, onde persoal do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta se trasladou ao país veciño para colaborar na extinción dos lumes. Así, Rodríguez asegurou que unha boa coordinación pasa polo coñecemento mutuo das tácticas e técnicas a empregar ante situacións adversas, polo que é vital unha formación especializada e baixo un mando único.

Base fronteiriza

O proxecto Interlumes está cofinanciado co fondos Interreg e conta cunha dotación total de 9,1 millóns de euros, que permitirá poñer en marcha a primeira base aérea fronteiriza entre España e Portugal, que se situará entre as localidades ourensás de Verín e Oímbra.

A futura base aérea caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra.

A base, con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 lts/min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes (bocas de incendio), así como unha nave auxiliar para vehículos pesados e lixeiros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural