A Xunta aposta pola modernización tecnolóxica do sector marisqueiro da ría de Pontevedra coa implantación da plataforma 'Xesmar' en Campelo

O delegado territorial, Luis López, supervisou esta mañá nesta lonxa do Concello de Poio o funcionamento desta aplicación informática, que facilita o traballo de xestión dos usuarios das confrarías de Raxó, Lourizán e Pontevedra

Esta ferramenta, impulsada polo GALP Ría de Pontevedra e na que se investiron preto de 35.000€, está orientada á planificación, control de asistencia, rexistro de actividade e comunicación en tempo real das capturas e outras incidencias

Poio, 27 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, vén de apostar pola modernización tecnolóxica do sector marisqueiro da ría de Pontevedra coa implantación da plataforma de control e información Xesmar na Lonxa de Campelo para beneficiar ás mariscadoras das confrarías de Raxó, Lourizán e Pontevedra.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e representantes das confrarías, supervisou este mediodía o seu funcionamento agora que este sistema xa está a pleno rendemento tras seis meses dende a súa implantación a finais do pasado mes de outubro.

 

“Dende a Xunta de Galicia tentamos contribuír de todos os xeitos á adaptación do sector marisqueiro aos novos tempos coa introdución das novas tecnoloxías. Así, facilitámoslles o seu traballo aforrándolles burocracia e xestión e mellorando o funcionamento dos bancos da ría cunha ferramenta que permite rexistrar a actividade ou informar de calquera incidencia en tempo real”, explicou o representante autonómico.

 

A plataforma Xesmar, impulsada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, supuxo un investimento de preto de 35.000 euros e contou co financiamento da Consellería do Mar a través dos fondos europeos FEMP. A súa posta en marcha comezou o pasado mes de xullo coa entrega de dispositivos e os preparativos tecnolóxicos e incluíu a correspondente formación das mariscadoras.

Esta ferramenta está orientada á planificación do traballo, control de asistencia e rexistro de actividade de cada usuaria e tamén serve como canle de comunicación en tempo real das capturas ou de calquera outra incidencia, como pode ser o peche dos bancos pola presenza de toxina ou de calquera outra circunstancia. Ademais, permite que as mariscadoras dispoñan de información personalizada ao tempo que funciona como canle multi-confraría.

 

Xesmar, que é accesible a través da web e de dispositivos móbiles, é unha aplicación pensada exclusivamente para o sector marisqueiro co obxectivo de ofrecerlle solucións baseadas nas novas tecnoloxías que simplifiquen a xestión e organización do seu traballo modernizando os procesos, garantindo a trazabilidade do produto con máis axilidade, mellorando a imaxe do sector e favorecendo o relevo xeracional.

 

Entre as súas vantaxes figuran os avisos e resultados inmediatos da explotación e venda en lonxa, a facilidade e aforro de tempo nos controis de asistencia, na elaboración de listaxes e nos certificados asociados, a mellora da calidade e da veracidade da información que manexa o sector e a consecución de datos detallados, instantáneos e veraces para a xestión da explotación.

Imaxes relacionadas