Miranda supervisa o programa de formación laboral complementaria para os bolseiros BEME realizada en colaboración coa Fundación Ronsel

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, achegouse ata a sede desta entidade en Santiago para coñecer a labor dos orientadores que están a ofrecer itinerarios personalizados aos universitarios galegos do exterior que están a cursar un máster nalgunha das tres universidades de Galicia a través dunha bolsa de Excelencia Mocidade Exterior

A convocatoria destas bolsas mantense aberta ata o próximo venres, día 29, e conta este ano con 250 prazas

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou nas últimas horas a sede da Fundación Ronsel en Santiago de Compostela para supervisar a formación laboral complementaria que se está a ofrecer aos bolseiros Beme co obxectivo de que poidan aproveitar a súa formación nun máster dunha das tres universidades galegas para atopar un traballo ou crear a súa propia empresa que lle permita desenvolver a súa vida laboral en Galicia.

 

A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Fundación Ronsel, está a aportar unha formación especializada sobre busca activa de emprego aos universitarios galegos do exterior que están a cursar un máster nunha das tres universidades galegas a través dunha bolsa de Excelencia Mocidade Exterior, Beme. A través destes itinerarios personalizados, os alumnos poden aprender técnicas tanto para a posta en marcha dun negocio propio coma para atopar un emprego por conta allea.

 

Estas formacións estanse a desenvolver nas catro provincias galegas e realízanse de xeito individual. Forman parte do grupo de actividades formativas que se ofertan aos bolseiros Beme simultáneamente ao desenvolvemento do máster que realizan.

 

Ademais, cabe recordar que a convocatoria destas bolsas, que contan cunha axuda de entre 7.000 e 11.500 euros, mantense aberta ata o próximo venres, día 29, e conta nesta ocasión con 250 prazas para universitarios galegos no exterior ou descendentes de galegos. Máis información na páxina web: https://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2022.

Imaxes relacionadas