A directora xeral de Patrimonio Natural participou por videoconferencia na última reunión do Consello da Rede de Parques Nacionais

A Xunta logra que o Goberno central compute a poboación de Ons e Cíes no reparto das axudas para actuacións na área de influencia do Parque Nacional

Este axuste poboacional xa se estaba aplicando no caso dos Picos de Europa e Galicia levaba tempo reclamando que se tivera en conta tamén nas Illas Atlánticas

Belén do Campo solicita que a futuro se introduza o criterio de insularidade á hora de territorializar os fondos estatais destinados a estes ámbitos, xa que a xestión de catro arquipélagos implica unha “carga económica adicional” que se debe compensa

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- O Goberno central acaba de darlle a razón á Xunta na súa vella demanda para que se teña en conta a poboación residente nas illas Ons e Cíes á hora de repartir entre todos os parques nacionais o orzamento destinado ás axudas para actuacións nas súas respectivas área de influencia.

 

Así se confirmou durante a última reunión do Consello da Rede de Parques Nacionais, na que participaron por videoconferencia a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o director conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández, que lembraron que o Goberno galego levaba tempo reivindicando que se computara a poboación insular de ambos arquipélagos a efectos do reparto de fondos, tal e como se facía xa no caso dos Picos de Europa.

 

Desta forma e por primeira vez, as Illas Atlánticas beneficiaranse dun factor corrector do 0,64% na distribución territorializada das subvencións estatais para proxectos e actuacións na área de influencia dos parques, un programa que este ano contará cun orzamento global de 3 millóns de euros.

 

A aplicación deste axuste poboacional no caso de Galicia permitirá que manteña e mesmo mellore a súa posición no reparto dos fondos estatais reservados a estas axudas, a pesar de que este ano hai un parque nacional máis —Serra das Neves—.

 

En todo caso, Do Campo aproveitou a reunión para reivindicar que, de cara ao futuro, o carácter insular do único parque nacional da Comunidade galega debe terse en conta como criterio específico de reparto por parte do Ministerio.

 

Así, propuxo modificar o Real Decreto regulador das subvencións con fondos estatais que se conceden cada ano nas áreas de influencia socioeconómica destes espazos para introducir a insularidade e a dispersión entre arquipélagos como novo factor de corrección á hora de distribuír territorialmente os fondos dispoñibles.

 

Ao respecto, Belén do Campo argumentou que “resulta evidente a carga económica adicional” que supón para calquera administración xestionar un parque nacional de carácter insular, sobre todo se o seu territorio está dividido en catro arquipélagos, como é o caso das Illas Atlánticas, unha dispersión que dificulta e encarece tanto a prestación de servizos básicos, como a execución das diferentes actuacións necesarias para garantir o seu correcto mantemento, conservación e protección.

 

Así mesmo, outro dos puntos abordados foi o financiamento de actuacións con cargo aos fondos europeos. Neste sentido e tendo en conta que o Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) reservou parte do orzamento da UE para facer investimentos directos a través de diferentes liñas de actuación, Do Campo reclamou que parte dese diñeiro tamén se destine ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde, lembrou, a Xunta vai executar proxectos por case 5 millóns de euros con fondos do NextGenerationUE.

 
Nova imaxe corporativa

Por último, durante a reunión tamén se debateu sobre a proposta do Executivo central para regular a través dun novo Real Decreto a imaxe corporativa e a identidade gráfica da Rede de parques nacionais. Ao respecto, a Xunta defendeu que se a intención é introducir criterios de cohesión e homoxéneos nos medios materiais e no vestiario do persoal vencellado a estes espazos, deberá ser o propio Goberno central o que asuma o custo correspondente, ben de forma directa, ben transferíndolle o orzamento necesario ás administracións xestoras de cada parque.

 

A proposta liderada por Galicia foi secundada pola maior parte das Comunidades que asistiron á xuntanza, polo que o secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, se comprometeu a explorar diferentes alternativas sobre como levar a cabo a execución material deste punto.

Imaxes relacionadas