A Xunta defende a importancia de deseñar medidas para a promoción do uso da madeira na construción

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde en Madrid nunha mesa redonda no marco do encontro Rebuild 2022 onde expuxo as medidas e accións do Goberno galego

Madrid, 26 de abril de 2022

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta tarde en Madrid na mesa redonda Pode ser a madeira o noso novo material?, celebrada no marco do encontro para profesionais do sector da edificación Rebuild 2022 e moderada por FSC España.

 

Na súa intervención defendeu a promoción do uso da madeira na construción como política pública e puxo como exemplo o labor que se está realizando en Galicia neste sentido. Así, explicou que o Goberno galego ofrece liñas de apoio para o uso da madeira como elemento estrutural, que chegaron a 175 proxectos en 2020; impulsáronse obras públicas exemplares, como os centros de saúde da Laracha ou O Porriño; e estableceuse unha colaboración fluída tanto coa universidade como cos profesionais do sector para avanzar en aspectos como a formación ou a certificación. Ademais, o CIS Madeira participa no proxecto de innovación Interreg-Sudoe para impulsar a construción estrutural en madeira de media altura.

 

A promoción do uso da madeira entre prescritores e consumidores tanto na construción, como no impulso de novos produtos, é unha das liñas de traballo recollidas na Axenda da Industria Forestal.

Imaxes relacionadas