A conselleira do Mar visitou hoxe a 35ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets

A Xunta aposta polas accións de promoción para impulsar o incremento dos prezos dos produtos do mar

A Consellería do Mar difunde na feira madrileña Gourmets a calidade dos peixes e mariscos coa campaña GALICIA SABE AMAR e alberga a 18 empresas e entidades da cadea mar-industria no posto co que participa neste evento

O Executivo galego busca avanzar na comercialización dos produtos do mar e acadar fitos como o logrado o ano pasado nas lonxas galegas, co prezo medio máis alto da serie, que se remonta a 1997

Outra acción de difusión que destacou a titular de Mar é o selo pescadeRías, co que no 2021 se certificaron preto de 14.400 toneladas de peixes e mariscos, cifra semellante ás rexistradas antes da pandemia e que supón case un 30% máis que no 2020

Madrid, 26 de abril de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe en Madrid a importancia de desenvolver accións de promoción e difusión da calidade dos produtos do mar de Galicia para impulsar o seu consumo e contribuír ao incremento dos seus prezos. Unha cuestión que é fundamental para garantir a rendibilidade da actividade, engadiu, especialmente en contextos como o actual, marcado polo encarecemento do combustible que afecta a sectores como o marítimo-pesqueiro.

Así o destacou durante a visita realizada a Salón Gourmets, onde a Consellería do Mar promociona a calidade dos peixes e mariscos coa campaña GALICIA SABE AMAR, que vén de reforzar tendo en conta a situación actual do sector, e alberga a 18 empresas e entidades da cadea mar-industria no posto co que participa nesta feira.

Neste sentido, a titular de Mar lembrou que a Xunta puxo en marcha GALICIA SABE AMAR no 2021 para apoiar a posta en valor dos peixes e mariscos galegos e do labor dos profesionais do mar. Con accións coma esta o Executivo galego busca avanzar na comercialización e contribúe a acadar fitos como o que se deu en 2021 nas lonxas galegas nas que o prezo medio dos produtos do mar, de máis de 3 euros o quilo, foi o máis alto da serie, que se remonta a 1997.

A conselleira tamén recoñeceu o esforzo realizado pola frota para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía, sobre todo tendo en conta que en ocasións a súa actividade non é rendible debido a aspectos como o encarecemento dos combustibles. Tamén puxo de relevo o labor das empresas da cadea mar-industria e profesionais que se dedican a transformar os peixes e mariscos para darlle valor a través de procesos como a conserva e o conxelado e das cociñeiras e cociñeiros que difunden o potencial culinario dos produtos do mar e do agro de Galicia.  

Un xeito de corresponder a aportación da cadea mar-industria de Galicia á economía galega e á estatal, expuxo Rosa Quintana, é a través de accións como GALICIA SABE AMAR. Tamén con distintivos de calidade como a marca pescadeRías, de onde se non?, creada pola Xunta para garantir a frescura, orixe e sustentabilidade do peixe e marisco capturados pola frota artesanal. En relación a este selo, Rosa Quintana destacou que os peixes e mariscos amparados por este distintivo en 2021 aumentaron case un 30% en relación co ano anterior, ata roldar as 14.400 toneladas, cifras semellantes ás rexistradas antes da pandemia.

Galicia en Gourmets

A Consellería do Mar está presente na feira cun posto de 490 metros cadrados que alberga a 18 empresas e entidades coexpositoras da cadea mar-industria e conta tamén cun espazo denominado Galicia comparte mesa, no que se realizan diversos obradoiros de cociña e degustacións de produtos do mar amparados co selo pescadeRías e conservas de peixes e mariscos.

Para hoxe está programada a de pescadeRías, berberecho de Noia, realizada coa colaboración da confraría de pescadores noiesa e na que a chef encargada das receitas é Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova (Verín). O programa tamén inclúe unha degustación de produtos de km 0 capturados pola frota do cerco con Criselda Iglesias, da Tapería Lecer (Cangas), nos fogóns e organizada co apoio da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia. Pola tarde poderanse degustar receitas de pescada do pincho de Burela a cargo do chef Javier Montero, do restaurante homónimo (Ribadeo), en colaboración da Organización de Produtores de Lugo. Os asistentes tamén poderán catar distintos produtos da pesca artesanal cociñados por Begoña Vázquez.

Ademais, na zona de información do posto, os visitantes poden probar a actividade GALICIA SABE AMAR 360º, onde, a través dunha aplicación de realidade virtual, poden afondar en estampas diarias da vida mariñeira e pesqueira de Galicia.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural está presente cun posto de dúas illas que ocupan unha superficie de 414 metros cadrados e albergan un total de 29 empresas do sector agrario. A maiores conta cunha aula de experiencias de calidade, onde se levan a cabo obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira, entre outras actividades.

Precisamente o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, tamén está presente nesta feira para apoiar coa súa presenza ás empresas agrarias participantes. No día de hoxe, a Consellería ten programadas diversas catas-degustación, destacando a “Experiencia de calidade – Irmáns de leite”, onde os participantes poderán degustar os produtos das catro denominacións de orixe protexida dos queixos de Galicia (Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro) e unha masterclass sobre as indicacións xeográfica protexida Ternera Gallega e Vaca e Boi galegos.

O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición conta con máis de 1.500 empresas expositoras que promocionan arredor de 40.000 produtos e 8.000 compradores estranxeiros de 65 países. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 75.000 visitantes a este espazo de 45.000 metros cadrados.

Imaxes relacionadas