O Goberno galego está a conmemorar o Día mundial da seguridade e saúde no traballo

A Xunta inaugura a Escola Galega de Prevención da Coruña para impulsar hábitos de vida saudables no ámbito laboral

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe a escola radicada no centro do Issga da cidade herculina como “salto cualitativo e cuantitativo” en materia de prevención de riscos

Destacou a riqueza dos seus contidos formativos e divulgativos, que se porán a dispor da comunidade escolar e de toda a sociedade

Lorenzana anunciou que Galicia contará cunha nova estratexia propia en materia de seguridade e saúde laboral para adaptarse ás novas necesidades do tecido produtivo

O plan de actuacións do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia conta este ano cun orzamento de 6,6 millóns de euros

A Coruña, 26 de abril de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Coruña a nova Escola Galega de Prevención que quedará situada no Centro Territorial do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desta cidade e que suporá, tal e como reflectiu, un salto “cualitativo e cuantitativo” polos contidos formativos e divulgativos sobre hábitos saudables no eido laboral que promoverá, e por abrirse a toda a sociedade.

A conselleira puxo en valor o labor que desenvolverá este novo espazo,  que se suma ao que xa desempeña a Escola de Prevención de Pontevedra, ao ampliar os seus contidos e poñelos ao dispor non só á poboación escolar, senón tamén ao público en xeral.  “Permitirá reforzar e inculcar a cultura da prevención de riscos laborais a través dun percorrido que sintetiza disciplinas como a seguridade no traballo, a hixiene industrial, a ergonomía e psicolosocioloxía, así como a medicina no traballo”, remarcou Lorenzana.

A apertura da Escola enmárcase no conxunto de actividades que a Xunta de Galicia, a través do Issga, está a programar esta semana, no marco da conmemoración do Día mundial da seguridade e saúde no traballo, o próximo 28 de abril.

“Trátase dun contexto ideal para por en valor o labor do persoal técnico e profesional das distintas especialidades na prevención de riscos laborais, un quefacer diario que evita maiores males, que vixía que se garantan unhas condicións axeitadas de seguridade no traballo e coida as persoas no desenvolvemento da súa actividade profesional, anticipándose a futuros problemas de saúde e mellorando o seu benestar”, indicou a titular de Emprego.

Lorenzana defendeu o enfoque integral na prevención de riscos “que nos aprendeu a pandemia”, no que se debe atender “ao fluxo de causas e efectos que producen os hábitos da vida familiar e social na vida laboral, e tamén á inversa, pois só así consolidaremos un sistema de prevención e saúde forte e focalizado no benestar laboral”.

No acto estiveron representantes das organizacións sindicais e empresariais ante os que a conselleira destacou a importancia do diálogo social como alicerce dunha prevención de riscos laborais eficaz e sólida. “Ese diálogo e esa comunicación fluída marcan as contribucións que está a desenvolver Galicia, como representante de todas as Comunidades Autónomas, no marco da futura Estratexia española de Seguridade e Saúde no Traballo”, lembrou.

Segundo avanzou Lorenzana, Galicia contará cunha nova estratexia propia en materia de seguridade e saúde laboral, unha vez estea aprobado o marco no ámbito estatal, co obxectivo de dar resposta ás novas demandas e realidades na materia sen desatender a vixilancia sobre riscos tradicionais do tecido socioeconómico galego, onde sectores como a pesca, o forestal ou a industria requiren dunha atención específica.

O Plan de actuacións do Issga conta este ano 2022 con mais de 6,6 millóns de euros cos que se están a desenvolver programas, accións de asesoramento técnico, campañas e actividades de investigación que amosan a especial sensibilidade e compromiso da Comunidade coa prevención de riscos e a atención á saúde e seguridade das persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas