A Xunta inviste case 2 M€ na recuperación de catro inmobles adquiridos en Tui ao abeiro do programa Rexurbe para habilitar oito vivendas protexidas

Ángeles Vázquez anuncia que o Goberno galego xa escriturou os tres edificios adquiridos dentro da oferta pública de 2021 e avanza que en maio se adxudicará a redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble en Bispo Castañón, 20

Lembra que o casco histórico de Tui é unha das zonas incluídas tamén na oferta pública de 2022, aberta ata o 15 de xullo, cun orzamento de 200.000 euros

Invita aos responsables do Concello a elaborar o Plan de dinamización da Área Rexurbe, declarada en xullo de 2021, para completar as actuacións impulsadas pola Xunta
 

Tui (Pontevedra), 26 de abril de 2022

A Xunta investirá case 2 millóns de euros na recuperación de catro inmobles adquiridos en Tui ao abeiro do programa Rexurbe para habilitar oito vivendas protexidas.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e os antigos propietarios das vivendas, anunciou esta mañá que a Xunta vén de escriturar a adquisición de tres inmobles –o primeiro, localizado na esquina entre Lorenzo Cuenca e Bispo Castañón, o segundo, o número 42 da rúa Lorenzo Cuenca; e por último, o número 44 en San Telmo, tamén coñecida como Casa do Taboado- por un importe de 202.000 euros dentro da oferta pública de 2021.

 

Vázquez Mejuto recordou que en Tui xa se adquirira un inmoble na rúa Bispo Castañón, 20 por un importe de 100.000 euros e nos que -tras as obras de rehabilitación, por un investimento estimado de case 820.000 euros- se habilitarán catro vivendas. De feito, avanzou que no mes de maio o IGVS prevé adxudicar a redacción do proxecto de rehabilitación, licitado por 58.000 euros.

 

Así, a Xunta reserva un orzamento de case 2 millóns de euros na adquisición e rehabilitación destes catro inmobles, que -segundo afirmou a conselleira- poderán ser máis tendo en conta que o caso histórico de Tui é un ámbito incluído na oferta de adquisición de 2022, para o que se reservan 200.000 euros.

 

Nese sentido, lembrou e invitou aos propietarios de inmobles localizados no Casco histórico de Tui, así como na Cidade Vella e o eixo Orzán-Panaderas da Coruña (1 M€), dentro histórico de Ourense (0,4 M€), Ferrol Vello (0,2 M€), e o centro histórico de Ribadeo (0,2 M€), a presentar as súas ofertas, antes do 15 de xullo.

Área Rexurbe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou que unha das razóns polas que se incluíu Tui na oferta de 2022 é por contar cunha Área Rexurbe -figura recollida na Lei de rehabilitación- declarada en xullo de 2021.

 

Trátase dun ámbito que suma máis de 135.000 m2, que abarca o conxunto histórico declarado BIC e tamén outras zonas como o Paseo da Corredoira, Bispo Lago e Martínez Padín-N550.

 

A conselleira invitou aos responsable do Concello a presentar o Plan de dinamización, que é o instrumento no que se coordinan as actuacións -públicas e privadas- coas que acadar unha rexeneración -máis alá da rehabilitación- deste ámbito, para completar o traballo que está a realizar o Goberno galego.

Imaxes relacionadas