A Xunta sube un 77 % o orzamento do Plan de Formación para o Emprego en 2022 para promover accións adaptadas ás necesidades de cualificación de Galicia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe en Oleiros, a 11ª Feira de emprego e formación da escola de negocios IFFE

Destacou que a nova convocatoria de Unidades Formativas en Empresas, reservará a metade dos seus 14 M€ de orzamento a firmas con infrarrepresentación feminina

Lorenzana marcou tres eixos de actuación do seu departamento en materia de formación: a mellora dos índices de emprego, a competitividade das empresas galegas e o benestar laboral das persoas traballadoras

A Coruña, 26 de abril de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, incidiu hoxe na aposta que a Xunta está a facer pola cualificación das persoas traballadoras, a través do Plan de Formación para o Emprego que, en 2022, contará con 117 millóns de euros, un 77 % máis que no exercicio anterior “para impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo”. Lorenzana participou na apertura da 11ª Feira de emprego e formación de IFFE Business School en Oleiros, onde puxo en valor actuacións que o Goberno galego desenvolve para traballadoras e traballadores desempregados e ocupados, e para dar resposta ás necesidades de cualificación que demanda o mercado laboral.

“Feiras como esta poñen de manifesto, unha vez máis, que emprego e formación van sempre da man”, especificou a representante da Xunta, quen remarcou que “para acadar e manter un emprego de calidade é necesaria unha formación de calidade, renovada constantemente; unha formación actual, adaptada ás demandas do mercado laboral”.

Lorenzana valorizou o “ambicioso” Plan galego de formación para o emprego co que Galicia, dixo, “seguirá a impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo”. Entre outras accións, inclúe específicas para traballadores ocupados e para persoas desempregadas; bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións de formación para o emprego; o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas coa experiencia laboral; e novas convocatorias de Unidades Formativas en Empresas, con 14 millóns de euros reservados. Respecto desta última iniciativa, a conselleira adiantou que a metade do orzamento, 7 M€, destinaranse a sectores con infrarrepresentación feminina.

“Queremos anticiparnos ás necesidades formativas emerxentes que nos preparen para dar unha resposta á altura do que precisa o mercado de traballo”, dixo Lorenzana, quen puxo como exemplo de que Galicia vai no bo camiño instrumentos como a Axenda Galega de Capacidades, “unha iniciativa sen precedentes para dotar de novas oportunidades, de garantías de futuro, tanto aos traballadores galegos como as empresas”.

Os traballos que se están levando a cabo ao amparo da Axenda, nun marco de colaboración entre Administración autonómica, axentes sociais, clústeres, empresas de formación e terceiro sector, determinarán as necesidades formativas do tecido produtivo galego para artellar formación á carta coa que darlles resposta.

Na mesma liña, a conselleira subliñou a importancia do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes en sectores estratéxicos de Galicia que vén de poñer de manifesto que os cambios que se están a producir no mercado de traballo conducen a que certos postos de traballo cambien ou desaparezan. “Isto fai necesario que axudemos á xente a formarse e a facer unha transición fluída dos sectores que perden emprego aos sectores que o precisan, ofrecendo novas oportunidades formativas tanto en aspectos máis novidosos como tamén en habilidades brandas”, recalcou.

Campus virtual

Lorenzana lembrou, noutro termo de cousas, a aposta que a Xunta vén de facer na posta en marcha este ano académico do Campus Virtual de Formación para o Emprego, “unha ferramenta que nos permite achegar as accións formativas do Goberno galego a toda a nosa xeografía e colectivos interesados”, afirmou. Só o ano pasado, o Campus permitiu que 15.000 alumnas e alumnos de toda Galicia participasen en cerca de 1.700 cursos convocados ao amparo do Plan de Formación para o Emprego da Xunta de Galicia.

A Xunta, remarcou a conselleira, traballa en tres eixos estratéxicos relacionados coa formación co obxectivo de mellorar os índices de emprego (pasando por unha maior ocupación pero ofrecendo tamén postos de traballo de máis calidade), mellorar a competitividade das empresas e para acadar un maior benestar laboral ao longo da vida profesional activa de calquera persoa. “Anímovos pois aos aquí presentes, a seguir e nunca deixar de formarmos, pois xunto coa experiencia profesional, é o mellor aval para atopar ou manterse nun emprego”, concluíu.

Imaxes relacionadas