A Xunta pide ao Goberno central que cumpra os seus compromisos co sector e axilice a tramitación das compensacións pola dragaxe da ría do Burgo

O Executivo galego lembra que xa hai máis de dous meses que a Administración estatal recoñeceu a súa obriga de afrontar eses pagos e prometeu buscar a fórmula máis axeitada de tramitalos  

O Goberno autonómico lamenta as contradicións nas que está a incorrer o Estado e que estea a dilatar de xeito inxustificado a resolución deste asunto malia que se comprometeu a aboar as compensacións cando comezasen os traballos

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- A Consellería do Mar apoia ás mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo nas súas reivindicacións sobre as compensacións pola dragaxe do esteiro coruñés e defendeu a necesidade de que o Estado cumpra os compromisos acadados co sector e coa propia Xunta e axilice a tramitación dos pagos aos afectados pola paralización da actividade.

O Executivo galego lembra que no anterior encontro a tres bandas, celebrado hai xa máis de dous meses na Delegación do Goberno en Galicia, o Estado recoñeceu a súa obriga de aboar esas compensacións e comprometeuse a buscar a fórmula máis axeitada de tramitalas coa finalidade de acelerar as xestións ao máximo e dar resposta o antes posible aos profesionais do sector. Tamén se acordou que a Consellería do Mar axudaría nesas xestións cando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico llo solicitase aportando os datos requiridos -basicamente para comprobar que os posibles beneficiarios cumprían os requisitos exixidos-, unha petición que ata o momento non se produciu.

Neste sentido, a Administración autonómica lamenta a dilación inxustificada do Goberno central no desenvolvemento deste proceso e as continuas declaracións contraditorias que está a facer sobre este asunto. Recentemente a subdelegada do Goberno na Coruña aseguraba que a tramitación estaba paralizada á espera de que a Consellería do Mar aportase determinados datos sobre os profesionais afectados pola dragaxe e agora o secretario de Estado de Medio Ambiente vén de recoñecer que o Ministerio está a facer distintas xestións para aprobar as compensacións e que requirirá información á Xunta no momento oportuno.  

Por iso, o Goberno galego pide ao Executivo central que actúe con seriedade, dea unha solución inmediata aos profesionais do sector e poña fin aos prexuízos que lles está a causar. Nesta liña, lembra que a Administración galega cumpriu ata agora todos os compromisos que adquiriu, e así o seguirá a facer, ao tempo que trasladou desde o primeiro momento a súa vontade e predisposición máxima a colaborar co obxectivo de acadar unha solución rápida a este asunto.

Nesta liña, o Executivo autonómico lamenta que o Estado estea a dilatar de xeito inxustificado a resolución deste asunto malia que se comprometeu a aboar as compensacións cando comezasen os traballos, algo que xa ocorreu hai máis de dous meses. Esta situación, sinala, afecta a unhas 80 familias da contorna da Coruña, polo que pediu ao Goberno central que sexa sensible, mostre empatía e poña fin o antes posible á incerteza actual na que se atopan.

A Consellería do Mar apela á responsabilidade da Administración estatal e pídelle que deixe de incorrer en contradicións ao tempo que lle recorda a importancia de cumprir cos compromisos adquiridos. Neste sentido, mostrou a súa confianza en que o Goberno central cumpra a súa palabra e non actúe neste caso como fixo en 2018 coa ría de Ferrol, cando a Delegación en Galicia anunciou ás confrarías que ía encargar un informe ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) sobre os sedimentos da zona e que, segundo respostas ofrecidas no Senado, aínda non se ten iniciado.