A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo estiveron hoxe en Santiago no marco do #ConstruíndoFogar

A Xunta convocará nos próximos días por máis de 26 M€ dúas liñas de axudas dirixidas a particulares para a rehabilitación de vivendas

Ángeles Vázquez explica que o programa a nivel de edificio prevé subvencións de ata 30.800 € para mellorar a eficiencia enerxética dos inmobles e que as axudas para redactar proxectos de rehabilitación e o libro do edificio chegarán ata os 30.000 €

Subliña que en 17 dos 25 concellos da área compostelá os particulares poden optar a axudas de ata 25.000 € para actuar na ARI dos Camiños e as persoas que merquen vivenda nos cascos históricos de Santiago e Padrón recibirán ata 12.800 €

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

A Xunta de Galicia destinará este ano máis de 26 millóns de euros a dúas novas liñas de axudas en materia de rehabilitación residencial que está previsto que se convoquen nos vindeiros días. Trátanse, concretamente, do chamado programa a nivel de edificio, dotado de 22,9 millóns de euros, e do destinado á redacción de proxectos de rehabilitación e para a elaboración do libro do edificio en inmobles xa existentes, cun orzamento previsto de 3,4 millóns de euros.

 

Así o anunciou hoxe en Santiago a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas co fin de dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

 

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ante máis de 150 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 25 concellos que integran a área compostelá, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

 

Por iso, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na capital galega para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios nesta comarca.

 

No caso das dúas liñas de subvención xa mencionadas, explicou que co programa a nivel de edificio o obxectivo é apoiar a mellora da eficiencia enerxética mediante actuacións como a renovación de cubertas e de fachadas de edificios residenciais colectivos e vivendas unifamiliares, sempre que se garanta un aforro mínimo do 30%. O importe máximo será de 30.800 euros, en caso de incluírse a retirada de elementos con amianto.

 

Así mesmo, a outra liña nova para recuperar inmobles xa construídos prevé incentivos de ata 30.000 euros para a redacción de proxectos de rehabilitación integral e dun máximo de 3.500 euros para a elaboración do libro do edificio, documentación fundamental para garantir unha correcta conservación dos inmobles existentes.

 

Ademais, estas axudas sumaranse ao programa xa convocado para a rehabilitación a nivel de vivenda, a través do cal se poden financiar pequenas actuacións de eficiencia enerxética, como o cambio de ventás, con axudas de ata 3.000 euros. Esta liña está dotada dun orzamento global de 13,5 millóns de euros e aínda se pode solicitar ata o 14 de outubro

 

Beneficiarios na área compostelá

Durante a súa intervención no foro, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial en Santiago e na súa área.

 

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

 

Así, de forma complementaria aos incentivos á rehabilitación e mellora do patrimonio construído que se convocarán este ano por primeira vez grazas aos fondos europeos, confirmou que a Xunta seguirá apostando por programas consolidados xa en Galicia e que teñen como fin tamén contribuír á recuperación de inmobles de uso residencial.

 

En concreto, a convocatoria de axudas para intervir na Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago permanecerá aberta ata o 30 de setembro e resulta de especial interese para a área compostelá, xa que 17 dos 25 municipios que a integran están localizados dentro desta ARI. Os particulares que teñan inmobles nalgún destes concellos poden optar a unha axuda de ata 25.000 euros para actuar sobre os mesmos, unhas subvencións coas que se mellora á vez a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas.

 

Por outra banda e co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, a Xunta publicou en xaneiro unha nova convocatoria do programa para a adquisición de inmobles nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai en Galicia, entre eles, os de Santiago e Padrón, onde as persoas que merquen a súa vivenda habitual este ano poderán beneficiarse de subvencións de ata 12.800 euros.

 

Por último, tamén se aproveitou o foro para lembrar que xa está funcionando a nova Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta, localizada en Área Central (Santiago de Compostela) e concibida para informar dos novos programas de axudas financiados con fondos europeos en materia de rehabilitación de vivendas. Todas as persoas, entidades ou administracións interesadas poden realizar as súas consultas a este organismo de forma presencial ou telefónica, de luns a venres e en horario de mañá.

 

Así mesmo, tamén está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.

Imaxes relacionadas