A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu a Medalla de Prata deste colectivo durante os actos celebrados na memoria de José Antonio Guerreiro

A Xunta salienta o papel da asociación de pescadores da Ulloa para consolidar a pesca sostible en Galicia

Monterroso (Lugo), 23 de abril de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o papel da Asociación de pescadores da Ulloa no obxectivo de afianzar a pesca sostible na Comunidade.

Ángeles Vázquez recibiu este mediodía a Medalla de Prata deste colectivo, durante a celebración no Pazo de Ludeiro de Monterroso dos actos na memoria de José Antonio Guerreiro. ”É unha honra recibir da man dos pescadores un recoñecemento tan importante, xestos coma este anímanme a seguir traballando man a man con vós”, dixo.

A conselleira sinalou que a da Ulloa é unha das sociedades de pesca con maior número de socios da provincia de Lugo, o que a converte nun referente en todas aquelas iniciativas que se levan a cabo para acadar os obxectivos que a Xunta se fixou coa aprobación de Lei de pesca continental: fomentar unha actividade respectuosa co medio ambiente e acadar a remuda xeracional na pesca de río.

Indicoulles que neste reto sempre contarán coa implicación da Consellería de Medio Ambiente, tal e como xa está comprometida ata o 2024, pois son unha das entidades colaboradoras que teñen convenio vixente para os tres vindeiros anos.

Ademais dos 12.000 euros cos que apoiou nos dous últimos exercicios o traballo que se realiza nos tres coutos da asociación: o couto intensivo da Ulloa, o de Monterroso e o de Antas de Ulla, a Consellería tamén lle entrega cada ano preto de 20.000 alevíns de troita e unhas 2.000 troitas en talla de pesca.
 

Imaxes relacionadas