Galicia, comunidade convidada de honra no 45 Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director do evento, Ignacio García, avanzan a programación de artes escénicas galegas que presentará a Xunta

“Ábrense así as posibilidades para que o talento que atesouran as nosas compañías goce de maior visibilidade e que o noso rico patrimonio teatral chegue máis lonxe”, expresa Román Rodríguez

Ofrecerase a estrea de ‘La Toffana’, unha coprodución do Centro Dramático Galego con La Quintana Teatro e Proyecto Barroco; dúas pezas do ciclo ‘Clásicas desfeitas’, con Galeatro e Moving Compass; o espectáculo ‘Estrela do día’, de Producións Teatrais Excéntricas, e un concerto de Xoán Curiel e Xosé Lois Romero

A proposta enmárcase nun proxecto innovador en xéneros e formatos e nunha aposta pola pluralidade e a proxección exterior da creación teatral galega
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.-

Galicia será a comunidade autónoma convidada de honra na 45 edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro (Ciudad Real), segundo anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director do evento, Ignacio García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, e o presidente da asociación Escena Galega, Santiago Cortegoso.

 

Na presentación o conselleiro avanzou os espectáculos de artes escénicas galegas que ofrecerá a Xunta no festival, no marco dun “ambicioso proxecto innovador en xéneros e formatos” e nunha “aposta pola pluralidade e a proxección exterior da creación teatral de Galicia”. “O obxectivo é que o gran público coñeza o Século de Ouro galego e acceda á nosa cultura en todas as súas expresións”, engadiu.

 

Segundo destacou, a programación prevista inclúe a estrea absoluta de La Toffana, de Vanessa Montfort e con dirección de María Herrero, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) con La Quintana Teatro e Proyecto Barroco. Ofreceranse tamén as pezas Arte sen guión, de Galeatro, e A barca do inferno, de Moving Compass, estreadas o mes pasado no marco do ciclo Clásicas desfeitas coproducido pola Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego. A primeira delas rescata a temática medieval e a segunda inspírase no Auto da barca escrito polo portugués Gil Vicente no século XVI, mediante a técnica de manipulación de obxectos.

 

Pezas inspiradas nas cantigas

Ademais, Producións Teatrais Excéntricas representará o seu espectáculo Estrela do día, estreado o pasado ano no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, con dramaturxia de Quico Cadaval a partir das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio e dirección de Marcos PTT. Carballido. A música chegará da man de Xoán Curiel e Xosé Lois Romero, cun concerto centrado nas cantigas de amigo e textos galegos do Século de Ouro. Nel presentarase, no marco do Xacobeo 21-22, unha versión musicada das Décimas ao Apóstolo Santiago, escritas por Martín Torrado Mariño en 1627.   

 

Galicia convértese así na terceira comunidade autónoma en ser convidada “nunha das citas fundamentais do ano, non só para os amantes do teatro en xeral e do clásico en particular, senón de todos os entusiastas da cultura”, apuntou Román Rodríguez. Para o conselleiro, a participación nun festival de renome como Almagro “abre as posibilidades para que o talento que atesouran as nosas compañías goce de maior visibilidade e que o noso rico patrimonio teatral chegue máis lonxe”.

 

Neste sentido, o titular de Cultura agradeceulle á organización do evento os seus esforzos por abrir diálogos de intercambio cultural, así como o traballo desenvolvido polos distintos axentes culturais, como a asociación Escena Galega, para facer posible esta colaboración.

 

Accións a prol da difusión do teatro galego

Román Rodríguez referiuse tamén ás diferentes liñas de acción que está a desenvolver a Consellería de Cultura a prol da difusión do teatro galego, como a presenza das coproducións do Centro Dramático Galego en festivais internacionais e diferentes países, ou a liña de axudas á difusión directas ás empresas, que en 2021 lles facilitaron a máis de 60 proxectos teatrais a realización de xiras e a participación en eventos fóra de Galicia.

Imaxes relacionadas