O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa da localidade, María Barral

A Xunta e o Concello de Betanzos constatan as melloras nos servizos de transporte público do municipio e acordan colaborar para manter o seguimento



A Dirección Xeral de Mobilidade comprométese a analizar a atención ás demandas que poidan quedar pendentes pero pídelle ao Concello que as concrete

Case 1.000 mozos menores de 21 anos do municipio de Betanzos viaxan gratis nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova

O Goberno galego advirte da necesidade de modernizar a infraestrutura e os servizos ferroviarios da liña Ferrol-A Coruña para mellorar a mobilidade dos veciños de Betanzos

Traslada a preocupación polo anteproxecto de Lei de mobilidade sostible, coa que o Goberno de España establece que as diferentes administracións deberán financiar os servizos de transporte que soliciten
A Coruña, 22 de abril de 2022

A Xunta e o Concello de Betanzos constataron hoxe as melloras rexistradas nos servizos de transporte público do municipio, así como o incremento da satisfacción dos usuarios, e acordaron colaborar para manter activo o seguimento das liñas.

 

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa, María Barral, na que analizaron a situación en relación cos servizos de transporte interurbano que funcionan no concello de Betanzos.

 

No encontro, coincidiron en sinalar a eficacia dos reforzos introducidos o pasado mes de xaneiro para atender a demanda de usuarios cara ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) nas fins de semana, así como da nova expedición anunciada, que operará desde Ferrol a primeira hora da tarde a partir do vindeiro 29 de abril.

 

Con esa expedición, os núcleos de poboación de Miño e de Paderne ampliarán tamén a cobertura dos servizos que lles permiten desprazarse de luns a venres ás 15:20 horas ata Betanzos. En concreto, ampliarase ata Betanzos a liña que actualmente presta servizo nos días de semana entre Miño e Ferrol, que alonga o seu percorrido para atender tamén os desprazamentos entre as poboacións intermedias

 

A Xunta acreditou, ademais, a incidencia das obras que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a executar actualmente na AC-12 (antiga N-VI) no coñecido como ‘Cruce de Sol y Mar’, provocando retrasos nos horarios dos autobuses, especialmente nas horas punta de entrada e saída da cidade.

 

O Goberno galego xa puxo en coñecemento da Subdelegación do Goberno na Coruña esta situación, solicitando a adopción de medidas para a circulación prioritaria do transporte público, medidas que non foron atendidas polo momento.

 

Ademais, Maestro comentou as diferenzas entre a situación actual e a que existía coa anterior concesión, en que todos os servizos de transporte eran prestados por unha única empresa.

 

Agora, os autobuses que prestan servizo desde Betanzos, ben ata A Coruña ben ata Ferrol, non pertencen unicamente ao contrato ‘XG-871 A Coruña-Ferrol’, cuxo concesionario é a UTE Hércules Norte, senón que tamén hai servizos entre estas localidades que se prestan a través dos contratos A Coruña-Ourense-A Mariña (XG-843) e A Coruña-Lugo (XG-635), ambos prestados pola empresa Autos Carballo, do Grupo Arriva.

 

Con este novo reparto, a oferta de servizos é similar á que prestaba a anterior concesionaria, con melloras e adaptacións ás novas demandas detectadas.

 

Así, entre A Coruña e Betanzos, e viceversa, existen agora 36 e 38 expedicións que de luns a venres, de ida e volta respectivamente, que atenden a franxa horaria 06:05 ata ás 22:30 e que, nas fins de semana, as máis de 17 expedicións diarias por sentido atenden a franxa de 08:00 ata ás 22:30 horas.

 

Se ben as melloras introducidas nos últimos meses fixeron aumentar o nivel de satisfacción dos usuarios do transporte público, a Xunta manterá activo o permanente seguimento do funcionamento da liña e da súa relación coa demanda dos usuarios.

 

Así, o director xeral de Mobilidade, garantiu que se analizarán as posibles necesidades que queden pendentes, para o cal resulta imprescindible que o Concello as formule de forma concreta.

 

Actualmente, un total de 972 mozos menores de 21 anos de Betanzos viaxan gratis nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova.

 

O representante do Goberno galego advertiu da necesidade de que se modernice a infraestrutura e os servizos ferroviarios entre Ferrol e A Coruña para poder mellorar a mobilidade dos veciños de Betanzos.

 

Ademais, trasladou a preocupación da Xunta ante o anteproxecto de Lei de mobilidade sostible que promove o Goberno de España, establecendo que as administracións que soliciten un servizo de transporte deberán financialo, con independencia de quen sexa o titular da competencia.

 

Ese texto normativo, ante o cal o Executivo autonómico xa formulou alegacións, parte dunha concepción exclusivamente urbana da mobilidade e ignora as necesidades de transporte público do rural e dos municipios pequenos e medianos.

Imaxes relacionadas