A Xunta reforza desde o vindeiro venres 29 de abril a liña de autobús que conecta Ferrol coas localidades de Miño e de Betanzos
Ampliarase ata Betanzos a liña que presta servizo de luns a venres entre Miño e Ferrol, que alonga o seu percorrido e atende tamén os desprazamentos entre as poboacións intermedias
Increméntase así unha nova expedición de luns a venres na oferta de transporte público para unir a primeira hora da tarde Ferrol coas poboacións de Paderne e de Betanzos
A Xunta reforzará desde o vindeiro venres, 29 de abril, unha das liñas de autobús do transporte público interurbano que conecta a cidade de Ferrol coas localidades de Miño, de Paderne e de Betanzos.
Este reforzo dos servizos forma parte dos traballos de seguimento continuo que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, mantén do Plan de Transporte Público de Galicia co fin de adaptar a configuración da oferta actual ás cambiantes condicións da demanda e necesidades de desprazamento da cidadanía.
Como parte desta reorganización, tanto os núcleos de poboación de Miño como de Paderne amplían a cobertura dos servizos que lles permiten desprazarse de luns a venres ás 15:20 horas ata Betanzos. En concreto, ampliarase ata Betanzos a liña que actualmente presta servizo nos días de semana entre Miño e Ferrol, que alonga o seu percorrido para atender tamén os desprazamentos entre as poboacións intermedias
A Xunta traballa de xeito continuo para optimizar os servizos de transporte público e ofrecerlles aos cidadáns unha resposta máis axeitada ás súas necesidades de mobilidade.
Como parte destes traballos de supervisión, a Xunta, coas empresas operadoras da concesión que presta servizos no norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e Oeste da do Eume (o contrato XG871), propuxo a mellora na actual ruta da que une Miño coa estación de autobuses de Ferrol, que a partir do vindeiro venres 29 de abril se prolongará ata Betanzos.
Toda a información relativa aos novos reforzos nos servizos de autobús estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal