O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu hoxe a unha pregunta sobre este servizo de conciliación na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

Política Social pon en valor as 450 prazas gratuítas que ofrecen as casas niño ás nenas e nenos de 0 a 3 do rural galego

O éxito deste servizo levou a Galicia a multiplicar por tres o número de centros desde a primeira convocatoria deste programa, no 2016

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo en valor esta mañá, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, as 450 prazas gratuítas que ofrecen as casas niño ás nenas e nenos de 0 a 3 anos do rural galego. Actualmente, hai 89 centros desta tipoloxía en concellos de menor tamaño que ofrecen “un servizo de proximidade e de máxima calidade”, apuntou.

 

Jacobo Rey subliñou o éxito que teñen as casas niño en Galicia, que levou a poñer en marcha sete convocatorias de axudas para crear novos e centros e multiplicar por tres o seu número desde o 2016, cando se publicou a primeira orde.

 

Neste sentido, destacou que estes recursos de conciliación ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais.

 

Para manter e ampliar este servizo de calidade, a Consellería de Política Social destina este ano máis de 2,3 millóns de euros. Con estes fondos, o Goberno galego tamén puido incrementar as axudas que reciben as promotoras.

 
Incremento das axudas con fondos propios

A Xunta de Galicia aumentou nun 10% a axuda anual para as casas niño, de xeito que as súas promotoras recibirán 2000 euros máis ao ano. Este incremento da achega autonómica busca dar resposta á suba dos gastos de luz ou seguros aos que tiveron que facer fronte as responsables destes centros nos últimos tempos. Outra das novidades será que cando cumpran os seis anos en funcionamento as casas niño recibirán unha axuda adicional de 500 euros para ir renovando o seu equipamento.