O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, respondeu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego a unha pregunta sobre a atención a este colectivo

A Xunta mellorará os tempos de tramitación da dependencia co novo decreto que nestes momentos está a exposición pública

    O procedemento será máis sinxelo ao reducir a documentación necesaria para solicitar a dependencia, e ao unificar este recoñecemento e a asignación do recurso público

    Destaca a mellora realizada nos servizos de atención a domicilio e de proximidade, coa ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do Xantar na casa; así como coa posta en marcha das casas do maior e do programa de Coidados porta a porta

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou esta mañá que a Xunta seguirá a reducir os tempos de tramitación da dependencia co novo decreto neste ámbito, xa publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nestes momentos, e ata o vindeiro día 2 de maio, en exposición pública para a presentación de achegas por parte de particulares e entidades. Díxoo na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que sinalou que desde 2009 ata o día de hoxe o número de persoas dependentes atendidas multiplicouse por catro, ao pasar das 15.000 de entón ás máis de 65.400 actuais.

 

Ao respecto do novo Decreto de Dependencia, Fernando González Abeijón explicou que reducirá os documentos que hai que presentar na solicitude, xa que soamente serán necesarios dous: o informe médico e o social. Tamén fará máis sinxelo o proceso para conseguir o recurso de atención, xa que unificará a solicitude de recoñecemento de grado e o Programa Individual de Atención (PIA).

 

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade sinalou que este novo procedemento normativo forma parte do Plan de choque aprobado pola Xunta en maio do ano pasado. A través deste Plan puxéronse en marcha, entre outras medidas, novos equipos de valoración; melloráronse as condicións de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e creáronse novas prazas de atención.

 

Ademais, Fernando González Abeijón indicou que na actualidade Galicia inviste nas persoas dependentes case 430 millóns de euros anuais, dos cales aproximadamente o 67% proceden das arcas autonómicas e arredor do 33% do Estado. Neste sentido, lamentou que o Goberno central siga sen cumprir coa súa obriga legal de financiar o 50% que fixa a Lei de Dependencia. Esta situación supón que o Estado deixe de achegar máis de 150 millóns de euros “cos que se podería reforzar e mellorar os servizos de atención ás galegas e galegos con dependencia”

 
Atención no rural

Na súa intervención o director xeral referiuse tamén á atención aos maiores e dependentes que viven no rural. Nesta liña, salientou o reforzo de prestacións públicas neste eixo, tanto na atención no fogar como de proximidade.

 

Entre as primeiras, puxo o aceno na ampliación do programa Xantar na casa, co que se facilita unha alimentación de calidade e equilibrada nos fogares de 1800 persoas maiores que viven soas; a extensión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que atende hoxe a máis de 24.000 dependentes; e a Teleasistencia, que chega xa a unhas 7600 galegas e galegos.

 

Respecto dos servizos de proximidade, Fernando González Abeijón fixo fincapé na rede de casas do maior, formada por máis de 80 pequenos centros de día no rural totalmente gratuítos para as persoas maiores. Tamén destacou o programa de Coidados porta a porta, a través do cal oito autobuses itinerantes percorrerán todos os concellos de Galicia, agás as sete grandes cidades, para ofrecer aos maiores e sen custe algún servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Imaxes relacionadas