A Delegación Territorial acollerá as xornadas sobre menores e adiccións organizadas por Alar co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Fernando González, director da entidade, presentaron a programación a desenvolver entre os días 27 e 29 de abril

Lugo, 21 de abril de 2022.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá os vindeiros días 27, 28 e 29 de abril as xornadas sobre Menores e adiccións organizadas por Alar Galicia co apoio da Xunta.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director da entidade, Fernando González Truque, presentaron hoxe a programación do evento que terá lugar no salón de actos do Edificio Administrativo; será de acceso libre e gratuíto, se ben é necesario formalizar a inscrición previa a través do enderezo electrónico alargaliciasocial@gmail.com.

 

Na primeira mesa redonda, o mércores 27 ás 11 da mañá, participarán Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Fernando Alonso Fernández, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, e Queila Bouza, que actuará como moderadora.

 

Ao longo dos tres días, en horario de mañá, sucederanse diversas charlas e mesas redondas sobre asuntos como o xogo patolóxico e os delitos telemáticos, as novas tecnoloxías e o control parental, o impacto emocional destas tecnoloxías nos adolescentes, a súa relación coa violencia de xénero e o impacto das adiccións en xeral sobre a conduta xuvenil.

 

Entre os relatores figuran psiquiatras, psicólogos e expertos en saúde mental, así como policías e economistas. Entre outros, participarán o xuíz José Antonio Vázquez Taín e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

 

Fernando González Truque explicou que o obxectivo destas xornadas é “dotar de ferramentas útiles ás familias, aos cidadáns” para facer fronte a esta realidade á que se referiu como “o reverso tenebroso” das redes sociais.

 

O delegado territorial gabou a iniciativa e subliñou que “aínda que queda moito por facer neste eido, estamos avanzando e en Galicia xa modificamos o ano pasado a lei de prevención da violencia de xénero, incorporando a violencia dixital como outra forma de violencia de xénero”.

 
 

Neste sentido, engadiu que “é urxente ademais, que o goberno de España modifique o código penal e a lei estatal de violencia de xénero, para actualizar estes delitos no eido dixital”.

Imaxes relacionadas