A Xunta colabora coa Asociación Cans de Salvamento de Galicia nos operativos de busca e rescate de persoas desaparecidas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou a importancia da renovación do convenio, a través do que a Xunta achega 15.000 euros en apoio ás actuacións da asociación en materia de protección civil

Santiago Villanueva destaca o importante papel dos cans adestrados da organización e os seus guías en intervencións de emerxencias, como nos 11 dispositivos nos que participaron o ano pasado

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022.- 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe en Ferrol aos equipos da asociación Cans de Salvamento de Galicia (Casaga), que se ocupan da busca e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo na zona norte da provincia da Coruña e na provincia de Lugo, así como noutros espazos da comunidade galega e destacou a importancia da renovación do convenio de colaboración entre a Xunta e Casaga en materia de protección civil e emerxencias.

O Goberno galego achegará 15.000 euros este ano para apoiar as actividades da asociación para poder levar a cabo as súas intervención, como os 11 operativos nos que participaron o ano pasado equipos de Casaga a petición da Central de Atención de Emerxencias 112-Galicia.

A través deste acordo, a Xunta colaborará nos custos de Casaga na asistencia a cursos, reunións e probas que estean relacionadas coas actividades desenvolvidas polo grupo para a súa preparación, así como na organización de actividades de formación, adestramento e divulgación. Tamén se inclúen como gastos subvencionables a manutención, os desprazamentos e os aloxamentos dos equipos, o pagamento dos seguros dos cans e dos seus guías e a atención veterinaria dos animais. O convenio tamén cubre os custos de vestimenta e material funxible necesario para as intervencións.

A Asociación de Cans de Salvamento de Galicia leva dúas décadas preparando equipos, formados por un guía e un can destinados á localización de persoas desaparecidas. Estes equipos están a disposición de administracións e organismos como a Dirección Xeneral de Emerxencias para participar en emerxencias nas que é necesaria a súa colaboración.

Casaga constituíuse en 2002 por profesionais dos corpos de bombeiros de Ferrol e Lugo e aumentou neste período de forma progresiva os seus equipos e actuacións. Ademais de intervir nos dispositivos de rescate, colaborou en distintos operativos a nivel nacional e internacional e pasou a formar parte, como recurso externo, do Centro Nacional de Desaparecidos, dependente do Ministerio de Interior.

Santiago Villanueva destacou o importante papel que xogan os cans adestrados en Casaga e os seus guías como apoio aos demais servizos de emerxencias que forman parte dos distintos operativos de busca de persoas desaparecidas. Por iso, lembrou que as intervencións realizadas nestes anos acreditan a asociación como un referente no rescate canino en España e Portugal.

Imaxes relacionadas