A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a unidade móbil situada na avenida Ricardo Sánchez

O autobús de Coidados Porta a Porta chega a Pontedeume para ofrecer aos maiores servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

Estará durante tres días atendendo de xeito gratuíto ás persoas maiores de 55 anos

A Consellería de Política Social destina a esta iniciativa 10 millóns de euros entre este ano e o que vén

Nos primeiros 15 días do programa xa se prestou servizo a máis de 850 persoas en 16 localizacións diferentes

Pontedeume (A Coruña), 20 de abril de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá en Pontedeume o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de xeito gratuíto.

 

“Esta nova iniciativa é unha mostra máis da aposta do Goberno autonómico por acadar unha igualdade entre todos os galegos, vivan onde vivan, reducindo ao mínimo as diferenzas de accesibilidade aos servizos públicos en toda a xeografía galega”, puntualizou Martina Aneiros.

 

A delegada territorial lembrou que durante os primeiros 15 días de funcionamento máis de 850 persoas se beneficiaron deste servizo que xa visitou 16 municipios de toda Galicia. Pontedeume é o primeiro concello da comarca onde recala o autobús que no próximo mes de maio tamén visitará as localidades de Ares, Mugardos e Narón.

 

En cada un destes concellos estará tres días ofrecendo servizos destinados aos maiores de 55 anos. Pódese ver o calendario do programa na páxina web da Consellería de Política Social. Para acudir é necesario solicitar cita previa no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaporta.politicasocial@xunta.gal.

 

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todos os galegos, agás aos das sete cidades, revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención do alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.

Imaxes relacionadas